Eladio Capón volveu coller o bastón de mando do concello de Láncara logo de exercer como rexedor 24 anos (12 co PSdeG e 12 co PP).
Eladio Capón foi 24 anos alcalde (12 co PSdeG e 12 co PPdeG)
Segundo o previsto, sen espazo para as sorpresas, o popular Eladio Capón volveu hoxe proclamarse alcalde do concello de Láncara. A moción de cesura prosperou e, tal e como se agardaba, os dous edís de Terra Galega (TEGA) deron o seu apoio ao PPdeG para desaloxar do goberno municipal ao socialista Darío Piñeiro.
Valeu a suma dos catro concelleiros do PPdeG e dos dous de TEGA que, no que vai de lexislatura, apoiaban o goberno socialista. Logo das últimas eleccións municipais, o reparto dos asentos neste municipio deparou unha convulsa lexislatura para un municipio que non vai moito máis alá de 3.450 habitantes e que carece de grandes intereses urbanísticos. Agora, a oposición confórmana os catro edís do PSdeG (até agora goberno) e un do BNG.
Sen incidentes
A sesión plenaria transcorreu sen ningún tipo de incidentes ante unha ateigada sala. O novo alcalde, Eladio Capón, felicitouse polo discorrer dos feitos e xustificou a moción de censura na situación que ingobernabilidade que, na súa opinión, vivía o municipio nas mans dos socialistas. "Antes ou despois tiña que suceder, era de esperar un ou outro día", asegurou no seu discurso, ao tempo que agradeceu a confianza dos dous edís de Terra Galega que mudaron a súa postura de apoio aos socialistas argumentando incumprimento do pacto de goberno.
Pola súa banda, o alcalde saínte, Darío Piñeiro (PSdeG) recibiu os aplausos do público congregado e dixo marchar "pola porta grande", ao tempo que negou ningún problema de gobernabilidade no municipio.
Capón, de alcalde socialista a alcalde popular
Así, o popular Eladio Capón volve ser alcalde de Láncara, un cargo que xa ostentou durante un total de 24 anos. Unha das críticas que recibiu durante a sesión plenaria referiuse ás súas credencias políticas, cuestionadas polos socialistas logo de exercer como rexedor representado a formacións diferentes.
A traxectoria de Capón iniciouse no Partido Socialista, polo que foi alcalde durante 12 anos. Posteriormente, exerceu novamente como rexedor outros 12 anos, desta volta defendendo os ideais do Partido Popular. Iníciase agora unha terceira etapa da súa alcaldía, tamén baixo as siglas do PPdeG, grazas ao apoio dos dous concelleiros de Terra Galega.