Isaac Díaz Pardo denuncia que hai un interese político en destruír a parte cultural e de memoria histórica do proxecto.
Oitenta e nove anos de vida dan para unha entrevista longa e substanciosa, aínda máis se é a vida dun intelectual tan activo e implicado na sociedade, a cultura e a economía galegas como Isaac Díaz Pardo. O xornalista Xosé Manuel del Caño conversou con el no libro O Contencioso de Sargadelos (Edicións Linteo), que este mércores se presentou en Santiago. A biografía de Díaz Pardo e a súa visións da realidade e a historia de Galiza ocupan boa parte da entrevista, pero o tema central remite á actualidade: a perda do control do proxecto que axudou a fundar.
A pesar da súa idade, Díaz Pardo ten máis interese en falar do presente e do futuro que en perderse na nostalxia. Por iso comezou a falar aclarando que a entrevista se realizou hai dous anos e que “neste tempo pasaron moitas cousas”. Dos últimos anos, o que lle parece máis relevante é que “todo o grupo Sargadelos estase vindo abaixo dunha maneira orientada, polo que supoñemos que aí hai algo máis que a misión de apropiarse do grupo”. Denunciou que existe un propósito de acabar coa parte do proxecto relacionado coa cultura e a memoria histórica: “hai un interese político en destruír esa obra, como hai en Madrid intereses para botar abaixo a lei de memoria histórica”, afirmou. “Destruíron toda a parte cultural do proxecto, e agora están destruíndo todas as empresas”.
Expediente xudicial
Díaz Pardo amosouse moi descontento coa actual xestión de Sargadelos, que comparou cunha libraría que administra alguén que non sabe de libros: “vaise abaixo”, dixo. “O poder xudicial comunicoume que vai abrir un expediente para saber que hai detrás da situación do grupo”, anunciou Díaz Pardo, que ten por obxectivo que o control de Sargadelos recaia nunha fundación ou nos seus fillos Camilo e Xosé Díaz.
A que non ten data é a fundación que preservaría o legado de Isaac Díaz Pardo. Anunciáraa hai un ano o entón conselleiro de Presidencia da Xunta, Xosé Luis Méndez Romeu, e estaba previsto que tivese a súa sede no Instituto Galego da Información (IGI). Pero o novo goberno aínda non se pronunciou ao respecto. O propio Díaz Pardo comprende que neste momento se aparque o proxecto: “o problema é o diñeiro”, apuntou.
Movemento de solidariedade
O editor Manuel Ramos definiu o libro como “as memorias que Díaz Pardo quixo contar”, nas que non evita entrar en temas polémicos. Entre as afirmacións que verte na conversa, Xosé Manuel del Caño destacou a de que “chegou a interceptar unha carta que demostra que había unha trama para acabar coa súa vida”.
“Estou convencido de que se nesta terra houbese moitas persoas emprendedoras e comprometidas como el, Galiza sería unha gran potencia”, sinalou o entrevistador. Anunciou que de forma inmediata se vai poñer en marcha un movemento solidario con Díaz Pardo, “ao que agardamos que se sumen máis de 200 intelectuais galegos”. O obxectivo é que ao longo dun ano se vaian publicando artigos en diferentes medios de comunicación que defendan a figura e o labor do histórico galeguista, para logo recollelos todos nunha nova publicación que se editaría o vindeiro ano.