A ciclista di que o que lle impedirá competir a nivel internacional é a decisión de non renovar o patrocinio do Xacobeo e non a falta de subvencións directas.
A polémica en torno ás axudas deportivas e a suposta discriminación por parte da Xunta á hora de financiar a uns ou outros deportistas continúa. En contestación á denuncia do BNG na que acusaba á Secretaría Xeral para o Deporte de deixar á ciclista Eva Castro fora das axudas económicas, o goberno galego fixo público un comunicado no que asegura que foi a deportista quen non se presentou á convocatoria da Fundación Deporte Galego, do ano 2009.
Se ben recoñecen que Castro está catalogada como Deportista Galega de Alto Nivel (DGAN) e que lle correspondería recibir subvencións coma outros profesionais, entenden que non se atopa entre os 315 deportistas galegos que recibirán axudas este ano porque "non concorreu á convocatoria". O listado dos que si serán apoiados pola Administración galega publicarase nas vindeiras semanas.
O problema está na esponsorización
Pola súa parte, Eva Castro, que quere deixar claro que non hai ningún tipo de enfrontamento co Goberno, explica que efectivamente non se presentou a esa convocatoria porque era incompatíbel con manter o patrocinio do Xacobeo, que lle permitiu acudir ás grandes competicións da categoría nos últimos tres anos. "Non solicitei a bolsa do DGAN porque non me compensaba", explica, "ademais de porque non tiven tempo material, inmersa na competición, para presentar toda a documentación requirida". Coa única axuda desta bolsa, explícanos, "non podería máis que ir a unha carreira internacional en todo o ano", polo que decidiu prescindir dela.
O Xacobeo achegoulle até o de agora 12 mil euros anuais, unha cantidade que lle permitiu acudir ás diferentes probas da Copa do Mundo. Este ano, pola contra, cando acudiu á súa sociedade xestora para renovar o patrocinio recibiu unha negativa por resposta, argumentando que "non hai cartos". A falta desta axuda impedirá á deportista galega manter o seu nivel e participar no mesmo número de competicións nas que o viña facendo até o de agora.
"Se non teño eses 12 mil euros non podo comprometerme a participar na Copa do Mundo 2010", di, "porque os demais patrocinios achéganme cantidades moi pequenas que non chegan se non é unidas á do Xacobeo". Con todo, a ciclista agarda a que a Xunta rectifique e atope a maneira de axudala, para o que continúa a manter negociacións: "dixéronme que ían a intentar axudarme e esa é a esperanza que me queda, pero o certo é que o tempo escapa e preciso sabelo para organizar a miña tempada; non se pode adestrar coa mesma motivación nin cos mesmos ánimos sen saber aínda se poderás manter o teu nivel deportivo", lamenta.