A oleirense valorou a situación da muller nos medios de comunicación a mesma semana en que MUDEGA presentou un informe sobre o tema.
Vieiros falou con Eva Castro, que ten na bicicleta de montaña a ferramenta de traballo coa que pretende levar polo mundo adiante a reivindicación das mulleres en igualdade de condicións co home no deporte, xa sexa na práctica ou no seu tratamento. Contounos o pouso que lle deixou a xornada do pasado luns na que, aproveitando a conmemoración do día da muller, MUDEGA organizou un faladoiro sobre o papel da muller no deporte, aportando un informe que analiza o tratamento que reciben nos medios de comunicación.
Que conclusións sacas do informe presentado o pasado luns?
As conclusións son bastante malas. Analizáronse varios xornais e en todos eles a presenza feminina é moi pequena. Incluso falando con algún xornalista que estivo alí chegou a dicirnos que "as mulleres non vedemos" e eu estou totalmente en contra. Eu, por exemplo, promociono marcas que utilizo no meu deporte, pero é moi fácil para os xornais ir ao cómodo e sacar o fútbol ou o tenis.
A que atribúes o menor peso que as mulleres tendes na prensa?
O primeiro que debo dicir é que hai menos mulleres que homes facendo deporte, algo que hai que aumentar e despois tratar de conseguir que estas practicantes se convirtan en competidoras. Como xa dixen, os xornais van ao que vende, pero eses deportes tamén teñen tirón porque llo meteron á xente polos ollos continuamente. En xeral, segue habendo moito machismo no tratamento do deporte.
Viches cambios nos anos que levas adicándote ao deporte de elite?
A verdade é que non apreciei moita melloría e eu, de feito, teño que andar sempre detrás da prensa malia obter bos resultados nas competicións en que participo. Hai algún xornalista que me coñece e publícanme algo, pero hoxe ou tes unha axencia que envía todo o que fas ou é moi difícil saír nos medios, especialmente nun deporte como o meu.
Que se podería facer para comezar a reverter esta situación?
Unha idea que se me ocorre é que, por exemplo, existira un convenio cos medios do país para que estes adicaran unha porcentaxe do seu espazo ao deporte feminino. Esta é unha proposta que se tratou durante a presentación do informe e, na miña opinión, axudaría a que a xente se interesara por deportes que agora non coñecen.
En que podedes contribuír ao cambio as deportistas de elite?
A presentación do informe que levamos a cabo o luns é un bo exemplo. Temos que levar estas cousas até a xente para que recapacite e eu penso que pelexando polo mundo adiante temos que rematar conseguindo algo. O outro punto é apertar aos medios para que se dean conta de que o poden facer mellor
Que supón para vós esta poderosa ferramenta nova coa que contades, chamada MUDEGA?
Polo de agora leva pouco tempo e aínda non se viron os resultados do traballo que están facendo, pero espero que o seu peso medre co paso dos anos. Para o deporte feminino é moi importante ter unha asociación como esta detrás, e permitiranos mudar cousas que agora vemos como inamovíbeis. Espero que nun par de anos xa comecemos a recoller o froito do traballo feito en MUDEGA.