Un xulgado catalán absolve o titular dunha tenda de material informático que fixera copias de xogos "para o seu propio uso".
A xustiza española deulles a razón ás persoas que fan copias de seguridade dos seus videoxogos. O Xulgado do Penal número 3 de Granollers absolveu o titular dun estabelecemento de videoxogos dun delito contra a propiedade intelectual ao entender que as copias de seguridade que facía do software orixinal era "para o seu propio uso e as súas propias necesidades".
Nun rexistro levado a cabo na tenda en 2002, a Garda Civil atopara, ademais das copias, unha torre gravadora e máis de 200 portadas de xogos para as consolas Playstation e Playstation 2. Segundo o acusado, o seu uso era para reparar xogos orixinais e para evitar que os clientes quedasen coas portadas auténticas.
A Fiscalía pedira 18 meses de multa e unha indemnización de máis de cinco mil euros, mentres que a acusación particular, presentada por dúas asociacións de videoxogos non especificara a cantidade. O acusado pedira a libre absolución porque consideraba que "non cometera delito ningún", e negou ter empregado as copias para a venda.
A sentenza conclúe que "para realizar a copia de seguridade para propio uso non se precisa a autorización de ninguén" e alude á falta de probas que demostren que as copias de seguridade fosen feitas para a venda ou o aluguer. A decisión é recorríbel perante a Audiencia Provincial.