Barcos de todo o país fixeron soar as súas sirenas ás 12.00 horas, mentres en terra realizábanse concentracións silenciosas.
Este venres ao mediodía, a frota do país concentrouse para amosarlle a súa solidariedade á tripulación do 'Alakrana', atuneiro secuestrado no Índico dende o 2 de outubro. A Confederación Española de Pesca (Cepesca) e as asociacións de buques atuneiros conxeladores Anabac e Opagac fixeron unha convocatoria para que os pesqueiros fixesen soar as súas sirenas durante uns minutos.
As concentracións coincidiron coas convocadas polos familiares da tripulación e polos concellos onde residen. Segundo Cepesca, a frota "só pretende amosar a súa solidariedade e o seu apoio" aos secuestrados e "arroupar" as familias "nestes difíciles momentos de incerteza e espera".
Na terra, as localidades onde reside a tripulación do barco tamén convocaron concentracións, como é o caso de Baiona, que centralizou os actos da comarca do Val Miñor e contaron co apoio de diversas organizacións, entre estas CC.OO.