O terceiro trimestre do ano deixou en Galiza un total de 162.200 parados. Mentres, no Estado Español a taxa de paro sitúase no 17,9%.
A taxa de desemprego en Galiza sitúase no 12,35%
En Galiza, 8.200 persoas abandonaron as listas do paro no terceiro trimestre do ano. Deste xeito, o número de desempregados ao remate de setembro sitúase nas 162.200 persoas, é dicir, o 12,35% da poboación activa galega non ten traballo. Son os datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA) difundidos polo INE este venres.
En consecuencia, a ocupación medrou en Galiza tamén neste trimestre un 0,33%. O número de ocupados subiu en 3.700 persoas e situouse en 1.151.100 empregados.
Tamén baixa no Estado Español
Contra todo prognóstico, o desemprego tamén baixou a nivel estatal: fíxoo nun 0,3%. O desemprego baixou en 14.100 persoas neste terceiro trimestre, co que o número total de parados reduciuse a 4.123.300 persoas e a taxa de paro mantívose practicamente invariábel, no 17,93%.
Este dato, unha vez máis, ten varias lecturas. Dunha banda, é positivo se se ten en conta que no segundo trimestre o paro subira en máis de 1236 mil persoas, polo que demostra unha tendencia á baixa ou, cando menos, ao estancamento. Doutra banda, hai que incidir en que a taxa de desemprego pasa do 17,92% no segundo trimestre ao 17,93% no terceiro, o que demostra que a porcentaxe baixou porque tamén o fixo a poboación activa. Ademais, é a taxa máis alta da serie histórica comparábel, que arrinca en 2001.
Podes ler aquí a información en Vieiros sobre as Enquisas de Poboación Activa dos anteriores trimestres: