Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Cataluña

Un cento de concellos cataláns prevén referendos pola independencia o 13 de Nadal

Esta quinta feira reúnense en Arenys de Munt representantes de distintas entidades soberanistas para coordinar as consultas a nivel nacional.

Redacción - 18:30 20/10/2009
Arenys votou o 13 de setembro

Arenys votou o 13 de setembro

Representantes de distintas entidades soberanistas reúnense esta quinta feira en Arenys de Munt, municipio impulsor das consultas sobre a independencia de Cataluña, para coordinar a nivel nacional a organización dos referendos previstos polo momento nun cento de concellos para o 13 de Nadal.

O ex vocal do Consello Xeral do Poder Xudicial Alfons López Tena, que preside o Cercle d'Estudis Soberanistes, considerou que a organización dunha consulta independentista é un tema "moi complexo", polo que avoga por se centrar exclusivamente nunha única comarca catalá, Osona, onde viven 150 mil persoas.

López Tena asegurou que para que os referendos sexan un éxito cómpre unha "gran preparación", dado que non sendo convocatoria oficiais, os promotores non poden acceder aos datos do padrón. Ademais, precísanse dispositivos técnicos e informáticos para evitar que unha mesma persoa poida votar dúas veces, precisou.

Por outra banda, segundo publican medios locais, a tensión existente entre diversos colectivos independentistas sobre como deben organizarse as próximas consultas soberanistas poderían levar ao fracaso do proceso por falla de unidade de acción.

Concellos oficialmente a prol das consultas

Entre os concellos que votaron en pleno a prol das consultas, salientan Ripoll, Lloret de Mar, Blanes, Tàrrega, Cervera, Les Borges Blanques, Solsona, Valls, Montblanc, Amposta, El Vendrell, Sant Sadurní d'Anoia, Cerdanyola del Vallès, Vallirana, Cardedeu, Caldes de Montbui, Vic, Molins de Rei e Berga. A gran maioría son vilas de pequeno e mediano tamaño, con maioría nacionalista.

Nunha vintena de municipios, maioritariamente en grandes cidades da área metropolitana e capitais comarcais onde o PSC é a formación hexemónica, o referendo foi rexeitado, aínda que iso non significa que non se vaia organizar xa que non están organizados polos entes locais.


5/5 (3 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: