Montilla ve desafiante a organización do referendo, mais democrático que a Falanxe se manifeste ese día na vila.
Cataluña está a amosar o seu estupor, indignación e tamén división pola prohibición de que o concello de Arenys de Munt apoie o domingo unha consulta sobre a independencia mentres, para o mesmo día, está permitida unha manifestación da Falanxe na localidade.
Por unha banda, a maxistrada do Xulgado Contencioso-Administrativo número 14 de Barcelona considerou que o goberno municipal excedía as súas competencias municipais se organizaba o referendo sobre a independencia de Cataluña, proposto por Moviment Arenyenc per a l'Autodeterminació.
A sentenza respondía a un recurso presentado polo avogado do estado Jorge Buxadé, ex-candidato falanxista. Precisamente o avogado de Arenys baseara parte da súa defensa na posíbel implicación de Buxadé e en que o labor do concello só consistiría en facilitar unha sala para organizar a consulta. Ambos os argumentos foron rexeitados pola maxistrada.
Por outra banda, a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Cataluña (TSXC) estimou un recurso da Falange para que se lle permitise manifestarse na localidade o mesmo día da consulta, desautorizando a decisión da Consellaría de Interior de trasladala a outro día para evitar conflitos.
As reaccións non tardaron en facérense ouvir. Así, un maxistrado da Audiencia de Barcelona, Santiago Vidal, cualificou a sentenza de "sorprendente" e "irresponsábel", mentres que o presidente da Generalitat, José Montilla, afirmou que respectaba a decisión do TSXC porque "mesmo os fachas teñen dereito a manifestárense" e que o referendo "lle dá argumentos á caverna da dereita española".
No entanto, o conselleiro de Gobernación, Jordi Ausàs, dixo que a decisión xudicial o "desorientará" porque "non se podía entender mírese como se mire". En calquera caso, a Generalitat anunciou un amplo despregamento policial para o domingo en Arenys de Munt. Aínda que a postura oficial da Generalitat é a expresada polo seu presidente, a situación abriu unha fenda nos partidos do goberno catalán.
A consulta e a manifestación falanxista terá lugar dous días despois da Diada, a festa nacional de Cataluña, onde se organiza a tradicional manifestación independentista. Desta volta, as entidades que convocan a marcha amosaranlle o seu apoio a Arenys de Munt e a outros concellos que propoñan consultas a prol da independencia.
A marcha levará unha pancarta co lema "Queremos un estado propio", encabezada, entre outras personalidades, polo presidente do Barça, Joan Laporta, ou o actor Sergi López.
Os medios de comunicación cataláns estanlle a dar unha ampla cobertura a todo o relacionado coa consulta do domingo 12: