De 22h00 a 6h00 está prohibido o dereito a reunión e asociación, a circulación e manifestación, e os cidadáns deben abrirlles as súas portas ás autoridades.
O congreso hondureño aprobou o mércores o estado de urxencia, mediante o cal anúlanse indefinidamente cinco garantías constitucionais, xusto no medio dunha crise interna e internacional tras o derrocamento do presidente Manuel Zelaya no golpe de estado do pasado domingo.
Coa suspensión dos artigos 71, 78, 79, 80 e 81 da Constitución, os parlamentarios prohibiron o dereito a reunión e asociación, a circulación e manifestación cidadá. Ademais, as autoridades teñen un cheque en branco para acceder a calquera lugar sen necesidade dunha orde xudicial mentres dure o toque de queda establecido até o sábado de 22h00 a 6h00, hora local.
O deputado Rolando Dubón, do Partido Liberal, manifestou que se tomou esta decisión ante a sospeita de que hai moitas persoas doutros países en Honduras que poderían estar tentado atentar contra a cidadanía e o novo goberno, segundo informaron medios locais.
Horas despois de que a Organización de Estados Americanos (OEA) dese un prazo de 72 horas ao Goberno "de facto" para restaurar a orde democrática no país, o executivo que dirixe, dende hai pouco máis de 72 horas Roberto Micheletti, advertiu que non admitirá intervencións externas, a pesar de que recibirá unha delegación do organismo interamericano para explicarlle a situación que se vive no país caribeño.