Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
sen que haxa aínda un acordo

Os operarios do Metal vólvense botar á rúa na 14 xornada de folga

Patronal e sindicatos xúntanse esta segunda feira ás 17h00, tras ser convocados na fin de semana pola conselleira de Traballo, Beatriz Mato.

Redacción - 14:30 22/06/2009
Imaxe das mobilizacións polas rúas de Vigo / CIG

Imaxe das mobilizacións polas rúas de Vigo / CIG

Os traballadores do sector metalúrxico da provincia de Pontevedra, continúan esta segunda feira coas súas mobilizacións, cando se cumpren 14 xornadas de folga polo convenio colectivo provincial.

A primeiras horas da mañá, os operarios saíron dos seus centro de traballo en Vigo, e, após desenvolver varias asembleas, saíron en manifestación polas rúas do centro da cidade, provocando algunhas retencións no tránsito. Esta previsto que os distintos grupos de operarios conflúan na Praza de América, onde continuarán a marcha conxunta cara a Prazo do Rei. Alí, fronte o predio do Concello de Vigo, desenvolverase unha outra asemblea, por volta do mediodía, na que se fará un balance das mobilizacións, e se decidirá que facer nos vindeiros días para visibilizar o conflito, e facerlle presión á patronal para que acepte os pedimentos dos sindicatos en cando ao incremento salarial, o punto no que as negociacións están estancadas.

Nova xuntanza entre patronal e sindicatos, despois de se romperen as negociacións a pasada semana
Xa pola tarde, por volta das 17h00, sindicatos e empresarios do Metal xuntaranse no edificio administrativo da Xunta, en Vigo, convidados pola Consellaría de Traballo, co obxectivo de chegar a un acordo final que termine con conflito.

De non chegaren a un consenso no tema salarial antes da vindeira quinta feira, ese día manteríase unha xornada de folga xeral en todo o sector do metal pontevedrés -convocada pola CIG-, que incluiría tamén as empresas que contan con convenio propio, coma o Grupo PSA Peugeot-Citroën, os grandes estaleiros da Ría de Vigo e algunhas auxiliares da automoción.

Estoura unha bomba de palenque na sede de Foncalor
Por outro lado, na madrugada do domingo para esta segunda feira, estoupou un artefacto -unha bomba de palenque, segundo os bombeiros de Vigo- na porta das instalacións da empresa Foncalor, a patronal da fontanería, que participa na negociación do convenio provincial do Metal. A explosión produciuse por volta das 02h35, e causou danos "de escasa consideración" na porta do predio.

Esta é a segunda vez nunha semana que ocorre un feito similar, xa que fai uns días artefactos incendiarios do tipo cóctel molotov foron lanzados contra a vivenda do presidente de Instalectra, outra das patronais do sector metalúrxico que negocia o convenio colectivo.

Foncalor apunta co dedo aos sindicatos do Metal
Polo seu lado, o voceiro de fontanería Foncalor, Víctor Manuel López Menduiña, considerou esta segunda feira que "están ocorrendo moitas casualidades" que "comezan a preocupar" despois deste ataque. Lembrando que hai dez días "os sindicatos sinalaron co dedo" tanto ás patronais Foncalor, Instalectra e Atra, aos que acusaron de ser "os que máis obstáculos" están a poñer na negociación do convenio do Metal.

Dende ese intre, apuntou, "están a ocorrer casualidades", entra as que enumerou os cócteles molotov contra a casa do presidente de Instalectra e as pintadas, e o artefacto explosivo da madrugada desta segunda feira contra a sede de Foncalor. Así mesmo, vinculou a esta situación a explosión fai uns días dun artefacto nun concesionario de Nigrán, vinculado a Atra. Nesta liña, López Menduiña indicou que o optimismo sobre a negociación "é moi reducido". "Os sindicatos din que hai posibilidades de acordo, pero ao sentarnos á mesa a realidade é outra", criticou. Como exemplo desta situación, o voceiro de Foncalor puxo as esixencias da CIG de que se contemple dentro do convenio unha cláusula específica para regular a contratación do naval.

Así, recoñeceu que a situación está en "un momento moi quente", e asegurou que a directiva de Foncalor "vaise a reunir" e vai manter encontros tamén coas outras patronais "para avaliar o que pasou" e asegurou que se faga o que se faga, farase de forma consensuada".

Os sindicatos do metal desmárcanse do ataque e critican a patronal por manterse "pouco favorábel á negociación"Os sindicatos do metal desmarcáronse do último ataque perpetrado á sede dunha das patronais do sector na provincia de Pontevedra e reiteraron a súa "condena" deste tipo de incidentes, do mesmo xeito que fixeron cos ocorridos a pasada semana.

Así, en declaracións aos medios, o responsábel de CIG-Metal, Miguel Anxo Malvido, lembrou as manifestacións realizadas por todos os sindicatos que negocian o convenio con motivo de anteriores sucesos, e afirmou que o ocorrido esta noite "non ten nada que ver" coa folga. Malvido incidiu en que as accións con motivo da folga do sector polo convenio colectivo están coordinadas pola mesa negociadora -da que forman parte CIG, UXT e CCOO- e fanse públicas nas asembleas" de traballadores. Pola súa banda, o representante de CCOO, Ramón Sarmiento, manifestou a súa "condena" ante o ocorrido. En canto ás declaracións realizadas por Foncalor, nas que fala dunha posíbel vinculación do incidente co conflito do sector metalúrxico, Sarmiento lamentou que a patronal "instrumentalice uns incidentes desmarcados totalmente das mobilizacións para fixar as súas posicións e manterse no esquema actual, que é pouco favorábel á negociación".


5/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: