De mañá a dirección da empresa abandonou a mesa de negociación, deixando só o Comité, e manténdose firme na súa decisión de despedir 237 persoas.
A tensión acumulada durante semanas de negociacións arredor do ERE presentado por Caramelo estourou esta quinta feira na sede da téxtil coruñesa, situada no Polígono de Agrela.
A primeira hora da mañá estaban citados a dirección e máis o Comité de Empresa, nunha xuntanza na que se habían abordar de novo as negociacións, para evitar o despedimento de 237 traballadores. Porén, por volta das 10h00, a dirección da empresa abandonou a reunión, rompendo a mesa de diálogo.
Minutos despois, así foron informados do que acababa de acontecer en asemblea, os traballadores, que acudiran puntualmente ao seu posto de traballo, guindaron roupa polas fiestras do obradoiro de confección e patronaxe, causando uns estragos debidos á tensión acumulada tras semanas de incerteza e de conversas coa empresa que non deron o seu froito. Sobre as 13h00, os traballadores atopábanse concentrados ás portas da empresa en protesta pola ruptura das negociacións.
O descontento era tal, que os "ánimos estaban moi acendidos", segundo palabras da voceira da CIG neste conflito, Dores Martínez, porque os traballadores están molestos coa actitude "pasiva" que está a desenvolver a Administración neste conflito.
O Comité de Empresa volve demandar a intervención da Xunta
Martínez xa denunciara, na mobilización que os traballadores fixeron esta cuarta feira ante o Parlamento, que neste conflito nin empregados nin sindicatos estaban a ter "ningún tipo de garantía", nin sabían con certeza "cal é a postura que está a manter o Goberno na mesa de negociación". Alén disto, a sindicalista da CIG sinalou que a reacción dos empregados fora "lóxica e natural", após coñecer a posición da Xunta no Parlamento.
Polo seu lado, o Comité de Empresa de Caramelo volveu pedir, máis unha vez, a intervención da Xunta, asegurando que dende esta cuarta feira está enriba da mesa da Consellaría de Traballo o informe elaborado pola inspección do Ministerio de Traballo sobre o ERE presentado na téxtil coruñesa, mais aseguraron que aínda descoñecen o seu contido.