O Congreso peruano decidiu paralizar 90 días unha norma que fora rexeitada polas comunidades amazónicas, que pedían que se respectasen os seus dereitos a acceder á terra.
O Congreso do Perú suspendeu esta cuarta feira o decreto coñecido coma Lei da selva, após os violentos enfrontamentos vividos na rexión amazónica de Bagua, entre as comunidades indíxenas e a policía, nos que morreron, polo menos, unha trintena de civís.A norma, que fora rexeitada polas comunidades de nativos da selva peruana, que vían nela unha porta aberta á entrada das multinacionais estadounidenses nos seus asentamentos tradicionais, será suspendida por 90 días, mentres se estudan as posíbeis modificacións a facerlle, para atopar unha saída do conflito.
A suspensión, acordada tras un debate de cinco horas, recibiu o apoio do Partido Aprista, no goberno; a Alianza polo Futuro, partido de Fujimori; os conservadores Unidade Nacional; e a independente Alianza Nacional. A oposición, integrada polo Partido Nacionalista Peruano, xunto a outros grupos minoritarios, rexeitou a iniciativa e exixiu a derrogación definitiva do decreto.
Revolta indíxena contra a entrada das multinacionais na selva
Esta norma modifica a Lei Forestal do ano 2000, e foi aprobada o ano pasado, facendo parte dun grupo de leis propostas polo executivo peruano para axeitar a súa lexislación ás condicións do Tratado de Libre Comercio cos EUA. O goberno de Alan García leva semanas sostendo que a norma só pretende regular a xestión do aproveitamento sustentábel dos recursos forestais, mentres as comunidades indíxenas ven nela unha porta aberta aos incontrolábeis investimentos privados.
Hai dous meses que unhas 60 tribos diferentes, xuntas na Asociación Interétnica de Desenvolvemento da Selva Peruana (Aidesep), traballa para tombar este decreto. Nas últimas semanas pasaron á acción directa, bloqueando estradas, vías fluviais, e obstaculizado as operacións petroleiras e gaseiras da rexión. Porén, a pasada sexta feira a policía tentou desaloxar os indíxenas na rexión de Bagua, ao norte do país, e comezaron uns enfrontamentos onde faleceron unhas 34 persoas, aínda que os datos que se manexan varían considerabelmente entre os que aportan as comunidades nativas e os oficiais.
Imaxes da protesta indíxena en Bagua (Enlace Nacional)
A situación en Bagua. Parte I (05/06/2009)
A situación en Bagua. Parte II (05/06/2009)