Catro novos temas chegaron ao concurso. Algúns ben de verán, outros cun bocado de crítica. Lembrade que a sorte aínda non está botada.
Unha semana leva o A Polo Ghit rumbando, e xa ten uns 10 temas a concurso. O prazo de recepción termina o 29 de xullo, e isto é un aviso para as bandas do país, dádelle duro para compoñer, se non o tedes xa, o súper-tema deste verán. E para os lectores, xa podedes escoitar, baixar e votar tamén, polo tema que mais vos encha.
Vieiros máis a Radio Galega seguen a buscar a canción máis galega do verán.
Os temas acabadiños de chegar
Esta semana entraron a concurso catro novas bandas, con cadanseu tema. Un deles é o Lonxe da Praia, de Lolo Arincón, que pon a súa voz, acompañada da guitarra de Kona ke te fixo e de Semos peligrosos, neste tema de "cachondeo" e "buen rollito", segundo eles mesmos contan.
Outro, O Astronauta de Sínefres, unha banda de Escarabote (Boito, O Barbanza) que xa ten experiencia no A Polo Ghit -o ano pasado chegaron á final con Quente. E un máis, doutro repetidor, Paris Joel, que manda a concurso un tema ben do verán, O bañador.
O cuarto tema chegado esta semana, que fai que xa sexan unha decena os que entraron a concurso, é Me gusta el indie, de Gay Ye Ye. Trátase dunha canción contra a ditadura da música comercial e do indiepop, que o propio Gay Ye Ye viviu nas súas carnes propias cando percorreu os festivais do país o verán pasado, e acabou sumido nunha profunda depresión, ao ollar que a "artificial melancolía" deste tipo de música "colonizaba os mellores encontros musicais", desprazando a tralla "que enchía o estío de forza e ganas de gozar".