O Goberno escocés mostra unha vontade firme de organizar un referendo sobre a secesión do Reino Unido. A data prevista, outono de 2010.
O primeiro ministro Alex Salmond
O Partido Laborista dominou a política escocesa a finais do S.XX e principios do XXI. Tal foi así, que nas eleccións ao parlamento británico de 1997, o Partido Conservador non conseguiu ningún representante escocés.
Porén, nos terceiros comicios autonómicos dende a devolution, en 2007, o Scottish National Party (SNP) converteuse na primeira forza, con 47 escanos de 129, subindo 20 con respecto a 2003.
O SNP fundouse en 1934. Antes, en 1886 constituíuse a Asociación polo Autogoberno de Escocia, que pedía a descentralización do Reino Unido. E en 1913 aprobouse un proxecto de lei para desenvolver o autogoberno no país, mais non se chegou a executar polo estalido da I Guerra Mundial.
O primeiro ministro británico, Edward Heath, anuncia en 1968 que se creará un comité para estudar a devolution e oito anos máis tarde, o goberno acepta a convocatoria de referendos para a súa ratificación en Escocia e Gales.
A consulta en Alba faise en 1979. O 51,6% do electorado vota 'Si', mais rexéitase xa que a sú aprobación dependía de que a porcentaxe a prol do 'Non' ficase por baixo do 40%.
Namentres, a finais da década de 1960, descóbrense abundantes bolsas de petróleo e de gas natural no Mar do Norte escocés. Esta cuestión fai que cobre maior importancia a cuestión dunha Escocia independente.
Os laboristas teñen a última palabra
O SNP chegou ao Goberno en 2007 coa firme intención de lle consultar ao pobo escocés se quere un país independente do Reino Unido, e mantén como data para organizala outono de 2010. Neste senso, dende a propia Administración abriu un debate público sobre a cuestión.
No entanto, os nacionalistas precisan de polo menos 16 deputados da oposición para aprobar a lei que permita a consulta, contando co voto favorábel xa anunciado dos dous do Partido dos Verdes.
Algúns dentro do Partido Laborista, contrario á secesión escocesa, defenden que se faga a consulta para frear a tendencia ao ascenso do sentimento arredista entre a poboación, tendo en conta que na actualidade a maioría das sondaxes auguran a vitoria do 'Non'.