Dous xulgados composteláns desestimaron as solicitudes de suspensión cautelar presentadas por CSI-CSIF.
As convocatorias de oposicións ao Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar non teñen xa obstáculo para seguir adiante. Dous xulgados do contencioso administrativo desestimaron as solicitudes de suspensión cautelar interpostas polo sindicado CSI-CSIF.
Os autos consideran que prima o interese público en que continúen os procesos para asignar 344 postos de traballo fixo, 10 nos servizos centrais, 184 en galescolas e 150 en centros de atención a persoas maiores. As prazas ofertáranse o 30 de decembro de 2008.
O xulgado número un do contencioso-administrativo desestimou a suspensión cautelar das convocatorias de persoal técnico de servizos centrais e non técnico de centros de maiores, e o número dous para as convocatorias de persoal técnico de centros de maiores e persoal de galescolas.
Os autos baséanse, entre outros fundamentos, en que "é evidente que afectando tal resolución a unha pluralidade indeterminada de persoas, estas terceiras persoas resultarían afectadas coa paralización interesada" e que "non se pode falar neste suposto litixioso dunha imposibilidade de reparación futura do prexuízo que supón á recorrente a continuación deste proceso selectivo, polo que debe prevalecer o interese público".
Segundo indica o Consorcio, o proceso, negociado coas forzas sindicais con representación no comité de empresa (CIG e UXT), pretende eliminar a temporalidade duns postos de traballo que, en moitos casos, rematan este verán. Contra as catro convocatorias da oferta complementaria de emprego interpuxéronse cinco recursos por parte de CSI-CSIF, que non conta con representación no Consorcio, e que seguen o seu trámite. Porén, isto non impedirá que os procesos selectivos sigan o seu curso.