Reclaman que continúe o calendario de oposicións segundo os prazos acordados e manterán o encerro até teren "todas as garantías" de que non se paraliza o proceso.
Arredor de medio cento de traballadores participaron este martes no peche que, por quendas, organizaron os empregados do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, e que ameazan manter até que non reciban garantía de que non se frearán os trámites en marcha do proceso de probas selectivas deste organismo. Critican os traballadores que a obstaculización dese proceso ten que ver coa intención do futuro goberno de privatizar estes servizos.
"Non se pode pór en tea de xuízo o carácter público do Consorcio Galego e non aceptaremos que se poñan en perigo os postos de traballo nin se retroceda nas prestacións sociais e educativa que presta neste momento o organismo", explicou ao respecto este martes o secretario nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao. No peche deste martes participaron as catro presidentas dos comités de empresa provinciais do Consorcio.
Acusan o PP de "chantaxe"
Nos municipios gobernados polo PP os respectivos rexedores negáronse estes días a designar os correspondentes membros dos tribunais de oposición para as prazas convocadas polo Consorcio. Tal foi o caso de concellos como Crecente, Ortigueira ou Taboada e mesmo noutros, como Pantón ou Xinzo, as persoas previamente nomeadas foron retiradas posteriormente.
Desde a CIG cualifican de "chantaxe" a teima do PP en obstaculizar o proceso, impedindo deste xeito a realización das probas selectivas do persoal utilizando o dereito das alcaldías a nomearen representantes nas comisións de valoración. Láianse desde o sindicato dunha actitude que cualifican de "antidemocrática", recordando que o proceso para a estabilización do emprego fora iniciado antes dos comicios e insisten en que "non debera depender da conxuntura política".