O presidente estadounidense dixo que confía en que Israel recoñeza esta solución, durante a súa primeira xuntanza co presidente da Autoridade Palestina, Mahmud Abbas.
O Presidente dos EUA, Barack Obama volveu defender esta quinta feira a creación dun Estado palestino. Ao terminar o seu primeiro encontro co presidente da Autoridade Nacional Palestina, Mahmud Abbas, o líder estadounidense repetiu máis unha vez o seu apelo a Israel, para que poña fin á construción de novos asentamentos de colonos, erguidos nos territorios palestinos, e cumpra os compromisos que asumiu.
As dúas partes, afirmou Obama na Casa Branca, teñen "obrigas de cara á folla de ruta a seguir" -o plan internacional de 2003 para a resolución do conflito. Nestas inclúese "deter a colonización". Durante o xuntanza co novo primeiro ministro israelí, Benjamin Netanyahu, a semana pasada, "fun moi claro en canto á necesidade de terminar cos asentamentos de colonos ", esclareceu Obama.
"Son un grande crente na solución dos dous estados"
Os palestinos deben poñerse a facer progresos na melloría das súas forzas de seguridade e na redución do "incitamento" anti-Israel, defendeu o presidente dos EUA, sinalando, ao tempo, que el é "un gran crente da solución de dous estados". Obama amosouse, todo o tempo que durou a xuntanza e a posteriori, "confiado" na posibilidade de que se fagan progresos de cara a conseguir a paz entre israelís e palestinos.
Polo seu lado, e nas curtas declaracións que fixo ante os medios de comunicación, após o encontro, Mahmoud Abbas subliñou a urxencia de que todos este progresos dos que falaba Obama se dean, declarando que "o tempo é un factor esencial" neste proceso.
Un máis que repetido apelo á descolonización
O apelo á fin da colonización en Cisxordania e en Xerusalén Oriental xa fora feita na véspera pola secretaria de Estado dos EUA, Hillary Clinton (vídeo).
Ademais, na quinta, e xusto antes de comezar a reunión entre Abbas e Obama en Washington, Israel reaxira a través do voceiro do goberno, Mark Regev, quen explicaba que o futuro das colonias só será decidido a través das negociacións cos palestinos. "Entre tanto, temos de permitir que a vida continúe normalmente nestas comunidades", diso Regev. Isto significaría que, aínda que non se sigan a construír novas colonias, a expansión das xa instaladas podería continuar durante décadas.
A noticia noutros medios de comunicación: