Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
COPA DE EUROPA, EN PONTEVEDRA

Achégase a gran cita do triatlón galego con Gómez Noya forte como un buxo

Ademais do ferrolán participará unha selección galega composta por seis mozas e mozos á beira dos mellores do panorama internacional.

Redacción - 13:30 14/05/2009
Gómez Noya agarda que a cidade de Pontevedra volva levar até a vitoria co seu apoio (clic para ampliar)

Gómez Noya agarda que a cidade de Pontevedra volva levar até a vitoria co seu apoio (clic para ampliar)

Coincidindo co Día das Letras Galegas a cidade de Pontevedra acollerá, igual o ano pasado, a Copa de Europa de Triatlón, na que estarán algúns dos mellores triatletas do panorama internacional. Na categoría masculina Xavier Gómez Noya tratará de revalidar a vitoria acadada o ano anterior na que é a súa cidade adoptiva. Ademais, participará unha selección galega composta por tres mozas e outros tantos mozos cheos de vontades de acadar un bo resultado na cidade en que ten a súa sede o triatlón galego (está alí o Centro Galego de Tecnificación Deportiva).

Na categoría feminina o equipo estará formado por Saleta Castro (Cidade de Lugo Fluvial), Estefanía Domínguez (Cidade de Lugo Fluvial) e Sara Velo (Triatlón Carballo). No equipo masculino estarán Óscar Vicente, Jesús Gomar e David Gómez, todos eles do Cidade de Lugo Fluvial. De xeito independente tamén participará o compostelán Antón Ruanova, do equipo Bricosa Arcade Inforhouse.

Gómez Noya chega como un buxo
Xavier Gómez Noya chega á carreira pontevedresa como principal favorito para gañar a carreira pontevedresa, co que revalidaría a vitoria acadada o ano anterior. Gómez Noya está na fase inicial dunha tempada en que as Series Mundiais volven a ser o seu gran obxectivo, e para o que leva tempo preparándose principalmente na piscina e tamén na bicicleta. Segundo o seu adestrador, Omar González, o triatleta ferrolán chega a Pontevedra mentalizado para "loitar pola vitoria".

González di que Gómez Noya chega á carreira "en un grande momento de forma". Explica ademais que agora mesmo o seu pupilo ten un alto nivel na natación "que é a súa especialidade" e "está acadando uns resultados excelentes" enriba da bicicleta despois da intensa preparación que fixo este inverno (estivo en varias etapas da Volta a Galiza). As semanas que faltan até o comezo das Series Mundiais serviranlle para afinar a preparación na carreira a pé.

Durante a xornada do sábado 16 realizaranse nas instalacións do CGTD actividades que serviran aos deportistas para tomar contacto co circuíto, e tamén cos que serán os seus rivais no día seguinte. O domingo as mulleres abrirán a competición ás 9.30 horas e ás 12.15 está previsto o inicio da carreira masculina.


5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: