O Ministerio de Industria presenta unha web con información detallada sobre os núcleos de poboación onde está dispoñíbel a banda larga.
O Ministerio de Industria, Turismo e Comercio puxo a funcionar unha web onde se pode comprobar se existe cobertura de banda larga nun determinado núcleo de poboación. O buscador ofrece información sobre a tecnoloxía empregada e o operador encargado de prestar o servizo nas zonas cubertas por programas de axudas subvencionados polo ministerio.
Entre as actuacións que se inclúen no buscador están as incluídas no Programa de Extensión de Banda Larga (PEBA), que concluíu en outubro de 2008 e levou a internet de alta velocidade a zonas rurais e illadas, que abundan no país. En total, beneficiou máis de oito millóns de habitantes do Estado Español mediante créditos e de subvencións europeas.
Condicións técnicas
Os mínimos de servizo esixidos para prestar o plan PEBA foron dun largo de banda de 256 kilobits por segundo de baixada e 128 de subida e calidade de servizo semellante á oferta maioritaria en España na data da convocatoria do concurso. Os prezos non habían superar os 39 euros de alta (máis IVE) nin unha cota mensual doutros 39 euros durante os 36 primeiros meses de contrato. Así mesmo, o programa esixe que os custos iniciais ou de instalación sexan reducidos, tanto no caso de ADSL como de tecnoloxías sen fíos ou vía satélite.