O proxecto quere conectar a tres mil millóns de persoas no continente africano e noutros mercados emerxentes.
Internet en África
Os 910 millóns de poboación estimada de África están lonxe de gozar das mesmas comodidades do mundo desenvolvido. Porén, o interese por sumar novos mercados e por facilitar o intercambio de información e as transaccións comerciais vén de poñer en marcha unha iniciativa que dotará de banda larga o continente africano. O maior banco europeo, o HSBC, o xigante de internet, Google, e mailo operador por cable Liberty Global uníronse nun plan que quere prover do acceso a internet de alta velocidade a centos de milleiros de persoas que hoxe carecen del. En concreto, o proxecto chámase "Outros tres mil millóns", O3b Networks, e o obxectivo marcado é conseguir que os satélites necesarios estean operativos a finais de 2010.
O plan contempla a construción dunha rede de satélites que permita os provedores de países en vías de desenvolvemento ofrecer á súa vez conexión a internet de banda larga a outros tres mil millóns de persoas (de aí o nome) que agora non poden gozar da rede. Segundo explican dende O3B Networks a cobertura da rede iría dende a Península Ibérica até Suráfrica, pasando pola gran parte de América do Sur, Asía e as illas do Pacífico Sur. O orzamento necesario que asumirán os ideólogos do proxecto será de 460 millóns de euros até a súa posta en marcha.
Na actualidade o acceso á rede é moi limitado nos mercados emerxentes, polo que se agarda que a chegada da banda larga derive non só en beneficios comerciais, senón que tamén teña importantes réditos sociais, entre os que se subliñan as derivadas da aplicación do e – learnig, a telemedicina e outras ferramentas que melloren o crecemento social africano. Neste sentido xa se manifestou, por exemplo, o ministro de finanzas de África do Sur, Trevor Manuel, quen acolleu con ilusión este proxecto, xa que asegurou que a falta de información naquelas latitudes é unha deficiencia importante e subliñou que a información é poder e un soporte da democracia.