O voceiro do Bloque no Congreso tamén esixiu un calendario "críbel" en materia de infraestruturas e propuxo un imposto sobre grandes fortunas.
Cara á próxima chegada do goberno español á presidencia de quenda da Unión Europea, subliñou o voceiro do BNG no Congreso, Francisco Jorquera, a necesidade de que o executivo estatal introduza na axenda como "cuestión prioritaria" o levantamento do veto que impide recuperar o estaleiro de Fene para a construción de buques civís. Foi durante a súa intervención no chamado Debate do Estado da Nación, a primeira hora deste mércores, e logo de reprocharlle ao presidente do goberno español que na súa intevención previa non fixese mención dos sectores produtivos fundamentais na economía galega.
Á beira, o outro chanzo prioritario nesa axenda, destacou Jorquera, debera ser a defensa do sector lácteo, "un sector vital para o sostén da nosa economía rural e que está perto da ruína pola enorme baixada dos prezos do leite en orixe". Segundo a proposta do BNG, o goberno español ten a oportunidade de impulsar unha renegociación na política de reparto de cotas, na actualidade "claramente discriminatoria para os nosos gandeiros", e promover normativas para o regulamento do prezo de referencia do leite.
Un terceiro eixo salientado polo voceiro do Bloque foi o relativo ás infraestruturas, ámbito no que reclamou un "compromiso firme" que, en opinión de Jorquera, debe explicitarse nun "calendario críbel" acompañado das previsións orzamentarias que o fagan posíbel. De xeito especial, destacou o deputado galego a liña pendente da alta velocidade ferroviaria, pero advertiu tamén das necesidades de modernización global da rede ferroviaria galega e pediu apoio para a intermodalidade, a conexión cos portos exteriores e a conexión con Portugal.
Máis recursos públicos para a reactivación económica
O deputado coruñés comezara a súa intervención no Congreso expoñendo de xeito xeral a análise do BNG ao respecto da actual crise económica, censurando o modelo de crecemento baseado "no fomento do consumo sen que fose acompañado dun crecemento real do poder adquisitivo dos traballadores". Nese sentido, criticou as voces que apelan a supostos elevados custos salariais e despedimento, advertindo que tales reflexións "non pretenden máis que transferille integramente aos traballadores os custos dunha crise que eles non orixinaron".
Neste contexto, o representante do BNG instou a mobilizar "máis recursos públicos" como vía de reactivación da economía, ademais de "cambiar o patrón de crecemento e protexer os sectores máis castigados pola crise". De xeito concreto, propuxo Francisco Jorquera a mudanza da política fiscal e pediu esixirlles maior esforzo fiscal aos sectores con máis recursos. "Avogamos por incrementar a progresividade no conxunto do sistema fiscal e estabelecer un imposto de grandes fortunas", achegou, logo de censurar que "mentres centos de milleiros de fogares carecen de ingresos, as dez maiores fortunas acaparan o 3% do PIB".
Reforma do sistema financeiro
Doutra banda, o deputado nacionalista galego cualificou de "imprescindíbel" a reforma do sistema financeiro "para evitar o estrangulamento do capital produtivo pola ausencia de liquidez debido ás restriccións do crédito practicadas polos bancos". Foi nesa liña que suxeriu que o Instituto de Crédito Oficial (ICO) se converta nunha "grande banca pública" ou ben que o goberno español opte por unha "nacionalización parcial" do sector financeiro.
De paso, aproveitou para advertir sobre a reestruturación das caixas de aforros, debate no que recomendou "respecto para as competencias autonómicas". "Estamos radicalmente en contra dunha política de fusións que conleve a deslocalización dos centros de decisión das caixas galegas e que acentúe o perigo de expatriación dos nosos aforros", subliñou.
Atención á lingua e multiplex para a as tv galegas e portuguesas
Cara ao final da súa intervención, o deputado galego cargou contra a "ofensiva dos defensores dunha España uniforme e excluínte que presentan a realidade invertida dun castelán en perigo e perseguido". Segundo a reflexión de Jorquera, tal paradoxo deriva do "caldo de cultivo" dun Estado Español que, laiouse, "non asume realmente a súa pluralidade".
Nese sentido, solicitou do goberno español xestos claros que evidencien a asunción real "de que galego, catalán e éuscaro tamén son linguas con status oficial". De forma específica, recomendou así que o executivo estatal facilite o uso do galego nos distintos ámbitos administrativos e diversas institucións do Estado, "comezando por esta Cámara". Por outro lado, pediu que se asumise como "prioridade" o multiplex que "facilite a recepción mutua de canais galegos e portugueses".