Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Debate do Estado

Zapatero remítese ao plan do Ministerio co leite e a próximas explicacións de Blanco en infraestruturas

O presidente do goberno español asegurou que en breve o ministro de Fomento explicará en detalle o calendario e investimentos previstos.

Redacción - 11:12 13/05/2009

Na súa resposta ao voceiro do BNG no Congreso, o presidente do goberno español, José Luís Rodríguez Zapatero, agradeceu o "ton construtivo" que dixo ver na exposición do deputado galego e dixo coincidir no básico ao respecto da análise sobre a orixe da crise e a chamada a unha viraxe no "modelo de crecemento".

De xeito concreto, no que lle toca ás reclamacións do Bloque sobre as demandas do sector leiteiro, remitiuse Rodríguez Zapatero ao "plan integral estratéxico" para o sector deseñado polo Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño, liderado pola ministra ourensá Elena Espinosa. Xa na contrarréplica citaría ademais o plan de coordinación de inspeccións en colaboración coas comunidades autónomas como ferramenta fronte á crise do sector.

Doutra banda, citou o novo ministro de Fomento, o lugués Xosé Blanco, do que dixo que "coñece ben o territorio", para anunciar que en datas próximas o responsábel deste departamento fará unha exposición pública "e con detalle" do calendario de obras e investimentos pendentes en materia de infraestruturas, nomeadamente da alta velocidade ferroviaria.

Promesa para o naval e diálogo sobre as caixas
Ao respecto do naval, asegurou o presidente do goberno español que haberá vontade de "volcar esforzos" para aproveitar a presidencia de quenda da UE en favor das demandas do naval en Ferrolterra. No que lle toca ás políticas fiscais, Zapatero afirmou que o seu executivo estaría disposto a "valorar algunhas cuestións" malia que non se referiu especificamente a ningunha proposta.

Outro eixo mencionado por Rodríguez Zapatero en resposta á intervención do voceiro do Bloque foi o da reforma do marco legal sobre as caixas de aforro. Neste punto, non resolveu os temores expostos polo deputado galego sobre a posíbel deslocalización dos centros de decisión das caixas galegas. Así, Zapatero cinguiu a súa explicación sobre o tema á necesidade de "salvar o sector" e garantir a "competitividade", criterios que definiu como fundamentais á hora da valoración das posíbeis fusións. Con todo, prometeu a apertura de canles de diálogo co BNG ao respecto do asunto.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: