Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
O goberno culpa da matanza aos rebeldes

Sri Lanka bombardea a zona de resistencia tamil, matando 378 persoas

Nas últimas 24 horas, os ataques provocaron perto de 400 mortes e máis de un milleiro de feridos, segundo fontes médicas que operan na zona.

Redacción - 08:00 11/05/2009
Médicos franceses atendendo feridos nun hospital de Cheddikulam, no norte de Sri Lanka

Médicos franceses atendendo feridos nun hospital de Cheddikulam, no norte de Sri Lanka

Segundo fontes médicas, o exército de Sri Lanka bombardeou, nas últimas 24 horas, a pequena faixa de terreo -uns 17 quilómetros cadrados- na que se manteñen as guerrillas dos Tigres para a Liberación da Patria Tamil (LTTE), xunto cuns 150 mil civís, habitantes da zona.

Neste último ataque faleceron 378 persoas, segundo o balance que ofrece a BBC, e outro milleiro resultaron feridas polas bombas. Porén, o goberno ceilandés insiste en que non empregou artillería pesada nos ataques a esta zona -denominada "segura" para os civís-, e culpa das mortes aos rebeldes. O voceiro do Ministerio de Defensa de Sri Lanka, Keheliya Rambukwella, afirmou que este ataque non foi máis que "propaganda" dos rebeldes, e que non houbo bombardeos aéreos nin de artillería sobre as zonas ocupadas por civís. "Isto é un feito", recalcou, tras o que comunicou que os milicianos manteñen aos civís retidos nesta área "para pedir un rescate". As acusacións dun e doutro bando, que son continuas, son difíciles de confirmar, xa que a prensa estranxeira está excluída da fronte de guerra.

A zona que aínda permanece baixo o control da guerrilla tamil, e os civís procuran refuxio nos bunkers, ao perderen o que tiñan e as tendas nas que se aloxaban.

Médio século de conflito
O exército dos LTTE leva máis de 25 anos -dende 1983- reivindicando un Estado independente no nordeste de Sri Lanka. Nesta zona, o 15% da poboación é tamil, de relixión hindú; e a maioría restante é cingalesa, de relixión budista.

O conflito entre os Tigres Tamil e o exército de Sri Lanka volveuse máis duro en 2005, cando a ieda de autonomía do LTTE foi descartada polo goberno, e comezou a reforzarse a ofensiva militar contra os rebeldes. En xaneiro, as forzas gobernamentais tomaron o control da capital dos Tigres Tamil, Kilinochchi. En febreiro tomaron Mullaitivu, outra vitoria simbólica sobre os rebeldes, que agora están relegados a esta estreita faixa de terreo no nordeste.

A ONU estima que uns 50 mil civís están aínda atrapados na zona, situados nun terreo de tres quilómetros cadrados de extensión. Nestes 25 anos morreron máis de 70 mil persoas neste conflito.

Máis información:


0/5 (0 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: