O Banco Central Europeo baixa o prezo dos cartos un cuarto de punto, até o 1%, porcentaxe que se marcou como mínima admisíbel.
O Banco Central Europeo recortou esta quinta feira os tipos de xuro nun cuarto de punto, o que os deixou, de novo, en mínimos históricos. Deste xeito, a taxa queda no 1%, o que podería supoñer o punto final ao relaxamento da política monetaria, segundo diversos analistas.
Dende o pasado 8 de outubro, a institución financeira europea baixou os tipos de xuro dende o 4,25% até o 1 actual. A posibilidade de que esta cifra tocase fondo baseáse nas declaracións de Alex Weber, membro do consello de goberno do BCE, que advertiu de que situar a taxa por debaixo da unidade porcentual implicaría o risco de paralizar o mercado interbancario.
A partir de aí, o Banco Central terá que empregar outro tipo de medidas, non convencionais, para combater a recesión. Así mesmo, a Comisión Europea prognosticou que a economía da eurozona rexistrará en 2009 un retroceso do catro por cento, que se reducirá ao 0,1 en 2010.
Na zona euro, a inflación situouse en abril no 0,6%, o nivel máis baixo dende 1997. A taxa de paro chegou en marzo ao 8,9 por cento, 1,7 puntos máis ca o ano anterior e dúas décimas por riba dos datos de febreiro.