Mentres, a Comisión Europea presenta a súa proposta para relanzar a economía pedindo unha inxección de 200 mil millóns de euros aos Estados membros.
O presidente do Banco Central Europeo (BCE) deixou entrever a disposición do instituto emisor de acometer unha nova redución dos tipos de xuro a vindeira semana, sempre e cando se manteñan os niveis actuais de control da inflación. Foi nunha conferencia no Cairo, onde o economista francés adiantou esta posíbel decisión que se tomará definitivamente na xuntanza do 4 de decembro. Asemade, na vindeira semana o BCE revisará á baixa as súas previsións sobre o crecemento.
Plan de reactivación da Unión Europea
Doutra banda, a Comisión Europea (CE) presentou a súa iniciativa para relanzar a economía europea, que prevé a inxección de 200 mil millóns de euros, fundamentalmente por parte dos Estados membros para incrementar a demanda e devolver a confianza aos cidadáns. Esta cifra supón o 1,5% do orzamento dos Vintesete e supera as previsións, xa que se especulaba cos 130 mil millóns. Con todo, este plan non foi aínda aprobado polos países membros, que deberán debatelo no vindeiro Consello de Europa da vindeira semana, polo que aínda pode sufrir modificacións.
O Euríbor abarata as hipotecas
O principal índice de referencia dos créditos hipotecarios situouse na súa cotización diaria no 4,004%, o nivel máis baixo dende decembro de 2006, co que deixa a media mensual no 4,393%. A previsión é que peche novembro nunha cifra próxima ao 4,34%, o que suporá unha redución de 22 euros nas cotas dos préstamos que cheguen a quenda da revisión.