A CIG-Ensino exíxelle a Xesús Vázquez que faga cumprir a lexislación, a pesar das súas últimas manifestacións que insinúan o contrario.
O sindicato CIG-Ensino pediulle á Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria que cumpra a orde asinada pola anterior Xunta de retirarlles os concertos educativos a varios centros que separan o alumnado segundo o seu sexo.
A forza sindical expresou nun comunicado a súa preocupación polo pronunciamento de "certos grupos de presión", dos que forman parte os centros privados, que usan a "liberdade como escusa" para xustificar o uso de fondos públicos para sufragar modelos con idearios "contrarios aos principios mínimos de convivencia social".
Ademais, engade que a retirada dos concertos faise de acordo co artigo 84.3 da LOE, que cita explicitamente que non se discrimine por sexo o alumnado, e que outras comunidades autónomas están a cumprir con este mesmo requisito.
Dende o sindicato confían en que o titular de Educación, Xesús Vázquez, non se veña atrás e provoque unha involución na política educativa. En declaracións a diversos medios, entre eles Europa Press, Vázquez Abad asegurou que tentará adoptar unha solución definitiva, axustándose á lei e garantindo a "liberdade".