O presidente recoñece que a segregación vai en “contra todo modelo de igualdade”.
O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, entrou este xoves na polémica xerada logo de que se soubese que Educación subvenciona centros privados que separan nenos e nenas. O máximo mandatario do Goberno foi contundente ao afirmar que ese modelo educativo “vai contra todo modelo de igualdade”. Logo de ser interpelado polos xornalistas, Touriño mandoulle unha mensaxe á consellaría: “espero que exerza todas as súas capacidades para que non se siga a producir isto”. Touriño considera que os centros privados son libres para elixir este tipo de ensino pero subliñou que cos cartos públicos só se pode financiar a “coeducación” de nenos e nenas.
A Xunta optou por seguir destinando cartos públicos a cinco colexios de Vigo e da Coruña, vinculados ao Opus Dei, que separan nenos e nenas, tal e como xa fixeran os gobernos anteriores. En xuño do ano pasado este xornal denunciou a existencia das subvencións. Dous meses despois, a consellaría publicaba de novo no DOG a relación de centros concertado e na mesma volvían a aparecer os mesmos centros.