Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
PUBLICADO NO DOG EN MARZO DE 2007

A Xunta saltou a súa propia normativa para poder subvencionar centros que impiden a coeducación

A normativa sinala que ningún centro sostido con fondos públicos pode discriminar por cuestión de sexo. O STEG anuncia medidas legais e moblizacións.

R.V. - 13:50 02/10/2008

O 16 de marzo de 2007 a Consellaría de Educación publicaba no DOG os criterios para a “admisión de alumnado nos centros docentes sostidos con fondos públicos”. Nun dos puntos dese decreto establécese claramente que “en ningún caso haberá discriminación na admisión do alumnado por cuestión de sexo”. A pesar disto, tal e como informou Vieiros a semana pasada, a Xunta decidiu subvencionar este curso a colexios privados do Opus Dei que separan nenas e nenos nas aulas.

O Sindicato de Traballadores e Traballadoras do Ensino de Galiza (STEG) anunciou este martes que empregarán este decreto para intentar tirar abaixo nos tribunais este concertos. Para os servizos xurídicos do sindicato non hai dúbida, este decreto propio e o precedente que sentou o Tribunal Supremo dándolle a razón á comunidade de Castela-A Mancha, dálle marxe de manobra á Consellaría de Educación para retirarlle as axudas públicas aos centros que separen nenos e nenas. Ademais, o STEG anuncia unha concentración diante da consellaría (o mércores 8, ás 11.30 horas) e xa ten solicitado unha entrevista coa titular de Educación, Laura Sánchez Piñón.

A existencia do decreto pon en dúbida a versión da Consellaría de Educación. Este departamento púxose en contacto a semana pasada con este xornal para asegurar que non podían tomar medidas até o vindeiro curso. Segundo fontes da Xunta, os convenios teñen unha vixencia de catro anos e os últimos asináranse en 2005. Porén, os sindicatos xa denunciaban que todo se debía a unha “falta de interese” xa que Educación ten a facultade de revisar antes da cada curso os convenios cos centros privados.


4,75/5 (8 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: