A nova presidenta da Autoridade Portuaria de Vigo aposta por que "cidade e porto vaian xuntos" para afrontar a crise.
O PP contará cun senador máis por Euskadi, de tal xeito que os populares non ficarán cun representante menos na Cámara Alta, malia a renuncia de Corina Porro para ocupar a presidencia da Autoridade Portuaria de Vigo.
Así o confirmou o presidente da Xunta, Alberte Núñez Feijoo, en declaracións aos medios de comunicación antes de participar nun acto en Vigo, onde desvelou que esta decisión forma parte do pacto de Goberno ao que chegaron populares e socialistas en Euskadi. Feijoo recoñeceu que o PPdeG tiña "preocupación" pola posíbel perda dun representante no Senado, e explicou que con esta medida a situación queda "solucionada".
Polo seu lado, a nova presidenta da Autoridade Portuaria de Vigo e ex alcaldesa da cidade, Corina Porro, agradeceu a confianza que o presidente da Xunta depositou nela con este nomeamento, e sinalou que afronta esta nova etapa "con toda a ilusión e ganas de traballar". Así mesmo, fixo un chamamento para que "cidade e porto vaian xuntos", e que ambas as dúas institucións sexan "responsábeis" para cooperar na actual conxuntura de crise. Porro renunciou, ademais de á súa acta no Senado -feito que se materializará nos vindeiros días-, aos seus cargos na Deputación Provincial de Pontevedra e á súa acta no Parlamento galego.