Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Cara á constitución do Parlamento

Corina Porro mantén asento no Senado e aparece entre as candidatas a delegada da Xunta en Vigo

Corina Porro, presentou este luns a súa renuncia á acta de deputada no Parlamento.

Redacción / Europa Press - 09:00 24/03/2009
A senadora Corina Porro co presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijoo

A senadora Corina Porro co presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijoo

(Información actualizada este martes)


 A ex alcaldesa de Vigo e candidata do PPdeG número dous pola provincia de Pontevedra nas eleccións do pasado 1 de marzo, Corina Porro, presentou este luns a súa renuncia á acta de deputada no Parlamento. Porro, que mantén até o momento o seu escano como senadora, confirmou na Xunta Electoral Provincial a súa renuncia á acta de parlamentaria. Deste modo, o seu posto como deputada será ocupado pola seguinte candidata na lista, Rosa Oubiña Solla, candidata número 12 por Pontevedra.

Segundo fontes populares non sería necesario que Porro ocupase un escano no Parlamento para ser conselleira ou ter algunha outra responsabilidade no futuro goberno de Alberto Núñez Feijóo, aínda que evitaron facer valoracións sobre o seu futuro político. Na estratexia dos populares especulouse cun gorentoso posto ao que aspiraría Porro: delegada da Xunta en Vigo.

Recordámoslles que o líder do PPdeG e futuro presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, avanzou que no canto do actual esquema de delegados provinciais por cada unha das consellarías, estabelecerá un formato de só 5 superdelegados, un por provincia e outro específico para a cidade de Vigo. Deste xeito, na figura da ex rexedora Corina Porro converxería a dous anos das vindeiras eleccións locais a representación na metrópole viguesa do conxunto das consellarías do Goberno. A senadora está este mesmo martes en Madrid onde podería resolver coa dirección do PP os últimos fíos para ser autorizada por Mariano Rajoy á renuncia ao escano do Senado. Na petición de Porro pesaría ademais a renuncia que en 2006 fixo ao asento que daquela tiña na Cámara Alta para serlle cedido polo seu partido ese escano de designación autonómica ao ex presidente Manuel Fraga.

Por outra banda, Alberto Núñez Feijoo, entregará este martes no rexistro do Parlamento a documentación necesaria para acreditarse como deputado, un trámite que co que xa cumpriron a práctica totalidade dos deputados electos do Partido Popular nas eleccións do pasado 1 de marzo. Será a segunda lexislatura de Feijoo como deputado. A recollida da súa credencial na mañá deste martes é o seu primeiro acto público despois da súa visita a Arxentina e Uruguai. En canto ao resto do Grupo Parlamentario do PPdeG, e a falta de oito días para que tomen posesión dos seus respectivos escanos, a práctica totalidade presentaron xa as súas credenciais e demais documentación regulamentaria. Os máis madrugadores foron os que acceden á Cámara pola provincia de Ourense, que xa comezaron as xestións a semana pasada, mentres que os de Lugo o fixeron na xornada deste luns.


3/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: