O exército pasou a madrugada da segunda feira tentando disolver, pola forza, as mobilizacións que ocupaban o centro da capital tailandesa.
Polo menos 77 persoas resultaron feridas na madrugada desta segunda feira en Bangkok, no transcurso dos enfrontamentos entre o exército tailandés e os manifestante opositores ao primeiro ministro, Abhisit Vejjajiva, os chamados 'camisolas vermellas'.
Nun intento por recuperar as rúas do centro, uns 400 soldados empregaron gas lacrimóxeno e realizaron disparos de advertencia ao ar, segundo explicou un voceiro do exército de Tailandia, o coronel Sansern Kaewkamnerd, a unha emisora de radio local. Os 'camisolas vermellas' tamén entraron na loita, atropelando varios militares cos autobuses que conducían, e empregando pedras e cascallos contra eles.
O goberno de Tailandia declarou o domingo o estado de excepción en Bangkok e na contorna da capital. A decisión chegou despois de que as protestas antigobernamentais obrigasen a suspender a cimeira da Asociación de Nacións do Sureste Asiático (ASEAN), e despois de que os manifestantes entrasen na sede do Ministerio do Interior e obrigasen ao primeiro ministro Vejjajiva -que era, segundo os asaltantes, o obxectivo prioritario-, a fuxir a todo correr.
O líder das revoltas anuncia o seu regreso, "se se dá un golpe de Estado"
Por outro lado, o goberno anunciou a detención de varios 'camisolas vermellas', mais sen indicar o número exacto. A policía ten a orde de arrestar a todos os líderes da protesta; o principal, Arisman Poongruengrong, xa foi detido o domingo pola mañá. Os opositores ao primeiro ministro acúsano de ter chegado ao poder en decembro mediante procedementos antidemocráticos. Nas rúas claman polo regreso do ex mandatario, Thaksin Shinawatra, auto-exilado dende 2006. Durante a noite do sábado para o domingo, o propio Thaksin falara cos líderes das protestas, por teléfono, instándoos a facer unha "revolución popular". Este é "o momento de ouro", dixo, e afirmou a piques a regresar a Tailandia para liderar o pobo "no caso de que se dea un golpe de Estado".
Máis información: