O maior exportador do mundo deste cereal podería restrinxir as súas exportancións ao estranxeiro para garantir a alimentación da súa poboación.
Venda do cereal
Como xa fixeron outros dos principais países exportadores de arroz, India e Vietnam, Tailandia podería restrinxir as vendas deste cereal para garantir a alimentación da súa poboación, o que suporía un agravamento da crise alimentaria global. O país asiático aporta actualmente un terzo das exportacións mundiais do produto, que se encareceu un 2,3 por cento até chegar aos 24,7 dólares por cada 45,4 quilos a mediados de abril.
No último ano, duplicouse o prezo do arroz, alimento fundamental para tres millóns de persoas, e se finalmente Tailandia decide reducir as exportacións, prevese un aumento aínda maior dos prezos, segundo indicou o vicepresidente do Banco Mundial para o departamento Asia e Pacífico, James Adams. O representante do BM explicou que "cantos máis países restrinxan as súas exportacións, máis forte se volve a presión para que Tailandia faga o mesmo", aínda que conservan a esperanza de que "continúe a resistir as presións". Pola súa banda, o primeiro ministro tailandés, Samak Sundaravej negou que o país teña plans para reducir as exportancións.
A causa deste encarecemento do arroz, pero tamén do do millo ou trigo resulta dos elevados prezos do petróleo e do desvío de culturas agrícolas para a introdución de biocombustíbeis, que coincide con causas coxunturais como o mal tempo e o actual movemento financeiro que valora as materias primas como activos. Como consecuencia, arredor de 33 países entre os que se atopan México ou Iemen están en risco de vivir tumultos sociais polo prezo da comida.