Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A partir do 1 de maio

Suecia, sétimo país en permitir vodas gais, coa beizón da Igrexa Luterana

Dende mediados dos noventa recoñécelles dereitos plenos ás parellas de feito e dende 2002, a adopción de crianzas.

Redacción - 13:30 02/04/2009
É o quinto país de Europa en lexislalo

É o quinto país de Europa en lexislalo

O parlamento sueco aprobou por ampla maioría esta cuarta feira recoñecer os matrimonios do mesmo sexo, converténdose no quinto país europeo e o sétimo do mundo en o facer. No entanto, Suecia foi un dos primeiros en lles recoñecer dereitos legais plenos ás parellas de feito, a mediados dos noventa, e permite a adopción de crianzas a gais dende 2002.

O nova lei dálles aos homosexuais a posibilidade de casar nunha cerimonia civil ou relixiosa, aínda que as igrexas a título individual poden optar por non o faceren. A lei, aprobada con 226 votos a favor e 22 en contra entrará en vigor o 1 de maio.

"A decisión significa que o sexo non vai influír na opción de casar e que a lei de parellas de feito queda revocada", afirma o goberno na súa web. Con todo, as parellas neste rexistro poderán elixir entre ficar neste estado ou ben pasar a ser matrimonio.

Seis das sete formacións parlamentarias ampararon a lei; os Demócrata-Cristiáns, un dos catro partidos da coalición de goberno, rexeitárona, e propuxeron diferenciar entre unións legais, con todos os dereitos, e as cerimonias relixiosas.

A Igrexa ampara a lei

A Igrexa Luterana, a máis estendida en Suecia, ofrécese a dar a súa beizón as parellas de feito do mesmo sexo dende xaneiro de 2007. Será nunha xuntanza en outubro cando decida se ampara oficialmente o termo "matrimonio" para este tipo de unións. Porén, e aínda que xa comunicou que está de acordo coa nova lei, permitiralles aos seus pastores negárense a oficiar vodas gais.

Con anterioridade, outros estados europeos -o holandés, en 2000; o belga, en 2003; o español, en 2005; e o noruegués, en 2008- recoñeceron os matrimonios entre persoas do mesmo sexo. Tamén Canadá, en 2005, e Suráfrica, en 2006, lexislaron neste senso, así como algúns estados dos EUA e varios concellos noutros países.


0/5 (0 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: