O PS fala de visión "retrógrada" de CDS e PSD, e estes de "esquerda moderniña". En Portugal está por debater a lei do casamento homosexual.
Na xornada de debate desta quinta feira no parlamento portugués, a división entre dereita e esquerda volveu quedar patente. Desta volta discutíase a necesidade de mudar a Lei das uniões de facto de 2001, para engadirlle aos seus beneficiarios dereitos de viuvedade -coma o dereito a recibir unha pensión, ou a regulación das débedas contraídas polos membros da parella-, mais os parlamentares do Centro Democrático Social-Partido Popular (CDS) e o Partido Social-Demócrata (PSD) uniron as súas forzas para negarse a tocar a lei, ao veren, segundo sinalaron, no novo proxecto unha "aproximación excesiva ao casamento".
Por outra banda, o Bloco de Esquerda (BE) e o Partido Comunista Portugués (PCP) apoiaron a reforma proposta polos socialistas, que propón este reforzo da protección social de quen escolle vivir en unión de feito. En Portugal aínda está pendente de debate a lei do casamento homosexual, que, segundo sinalou o primeiro ministro, José Sócrates (PS), comezará a elaborarse na vindeira lexislatura. Porén, polo medio, aínda virán as eleccións, que se presume hanse desenvolver en outono deste ano.
"Esta esquerda que se di moderniña, e quere entrar na casa das persoas a impoñer as súas ideas"
O ataque máis violento contra a reforma e os argumentos da outra bancada veu do parlamentario do CDS, Nuno Melo, quen criticou a "esta esquerda que se chama moderniña, e quere entrar na casa das persoas a impoñer os seus patróns", ao tempo que sinalaba que esta mudanza da lei fará que a xente confunda os dous réximes, o matrimonio e as unións de feito, e que o segundo termine por "ficar baleiro".
Fernando Negrão, do PSD, tamén se amosou contrario ao proxecto de lei socialista, considerando que "esta aproximación excesiva de réximes créalle unha limitación a quen quere organizar a súa vida, e fire os principios de liberdade, ao limitar a escolla".
A esquerda critica á dereita por ser "retrógrada e conservadora"
En resposta a estes ataques, a deputada do PS, Ana Catarina Mendes, dixo que o argumento de que se trata dunha limitación de escollas individuais non se sostén: "non queremos obrigar a ninguén a escoller a unión de feito, e moito menos defenderemos o fin do casamento. Hai unha liña ideolóxica que continúa a dividir o Parlamento: aqueles de cren que só se pode constituír a familia a través do casamento, e outros que achan que depende da liberdade individual de cada un".
Para PS, PCP e BE, a posición que manteñen os partidos da dereita tradúcese nunha visión "retrógrada e conservadora". Porén, e aínda tendo dúbidas sobre algúns aspectos do proxecto, o deputado comunista, João Oliveira, rebateulle os argumentos á dereita, dicindo que "a protección á unión de feito é a que lle permite ás persoas tomar unha decisión libre sobre como queren organizar a súa vida". Polo seu lado, a deputada do Bloco, Helena Pinto dixo que é "fundamental alterar a lei": "non é digno que a persoa que sobreviva na parella teña que recorrer aos tribunais para ter dereito a unhas prestacións".