A economía galega medrou un 1,8% entre os anos 2007 e 2008 grazas a un maior dinamismo do sector industrial, mentres no Estado o incremento parana no 1,2%.
Logo de Euskadi e Navarra, Galiza rexistrou o maior crecemento económico do Estado Español. Así o reflicten os datos da Contabilidade Rexional feitos públicos polo Instituto Nacional de Estatística (INE). A economía galega medrou un 1,8% entre os anos 2007 e 2008, unha porcentaxe seis décimas superior á media estatal, que acadou un crecemento do 1,2% e outras nove décimas superior á media da Unión Europea dos 27, que medrou un 0,9%.
O PIB, dos máis baixos
Con todo, a nosa economía continúa nos postos inferiores en canto ao Produto Interior Bruto (PIB) por habitante: sitúase como a quinta comunidade pola cola, con 20.619 euros por habitante, mentres que a media estatal é de 24.020 euros e a media europea de 25.100, segundo os datos do Eurostat. No referente á variación do PIB nos últimos oito anos (2000-2008), Galiza colócase no noveno posto dende abaixo, cunha taxa de 3,06% de crecemento medio (a media estatal é do 3,13%).
Segundo o INE o maior dinamismo no sector industrial é o que explica o crecemento galego, así como o estremeño e o das comunidades forais.