A Fundación das Caixas de Aforros propón diversas receitas fiscais para loitar contra un déficit que, advirten, pode afectar gravemente os servizos públicos.
Negativas previsións as achegadas este luns pola Fundación das Caixas de Aforros (Funcas), que no seu último informe advirte de que o Estado Español pechará o ano en curso cun 17,2% de persoas sen emprego, porcentaxe que se incrementaría en 2010 até o 19,8%. Á beira, destacan o prognóstico dunha caída de até o 3% do Produto Interior Bruto en 2009.
Con todo, a análise de Funcas sinala que andado o ano próximo afrouxaría o actual escenario de crise de xeito que a caída en 2010 podería quedar en só un 0,5%. Segundo o mesmo estudo, a partir de abril de 2010 os balances trimestrais comezarían a amosar cifras positivas, malia que, avisan desde Funcas, na consolidación desa tendencia debera ter un papel fundamental o funcionamento do sector financeiro, que debera restabelecer "a normalidade" na inxección de cartos no escenario económico.
Fronte á ralentización actual, a fundación recomenda diversas iniciativas, entre outras unha reforma fiscal que sirva para "loitar contra o déficit" e que incluiría incremento do IVE, a redución do Imposto sobre Sociedades e o aumento do tipo de medio do IRPF. Tamén suxiren recortarlle ás cotas á Seguridade Social das empresas ao tempo que piden aumentar as dos traballadores. Así e todo, Funcas prevé que o déficit público se dispare até case o 10% en 2010.