Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Os efectos da crise

O goberno español prevé que a economía se contraia un 1,6%, e o que o paro aumente até o 15,9%

Volvéronse revisar as previsións de crecemento á baixa para este ano, por terceira vez, e concluíuse que o déficit se ha prolongar até 2011.

Redacción - 17:33 16/01/2009
O vicepresidente económico do goberno español, Pedro Solbes

O vicepresidente económico do goberno español, Pedro Solbes

O goberno español revisou esta sexta feira as previsións de crecemento á baixa para 2009 e estimou, desta volta, unha contracción económica do PIB do -1,6%, fronte ao 1% de suba que tiñan previsto anteriormente. Das novas cifras, nada alentadoras, despréndese que a crise será a causante da primeira caída anual do PIB dende 1993, o que fará que neste exercicio as contas públicas estatais cheguen a reflectir un déficit do 5,8% do PIB.

Segundo asegurou o vicepresidente económico do goberno español, Pedro Solbes, o Estado Español hase enfrontar, en 2009, "aos momentos máis difíciles da crise", nun contexto "certamente complexo e difícil". Solbes tamén dixo confiar nunha recuperación do ritmo de crecemento "vigoroso" de cara a 2011.

As previsións deste ano: o desemprego chegará case o 16%

As porcentaxes das previsións feitas públicas por Solbes prognostican fortes caídas: o emprego ha caer un 3,6% - o que significa unha destrución de 600 mil postos de traballo-, o investimento un 9,3%; e o consumo privado un 1,5%.

Porén, a cifra máis preocupante é a do paro que, segundo o goberno español e tras pechar 2008 sobre o 12,3% -aínda faltan por coñecer os últimos datos da EPA (Enquisa de Poboación Activa), que se publicarán a vindeira semana-, ha chegar a un máximo a finais deste ano, deixando a media anual nun 15,9%. Esta taxa podería baixar levemente até o 15,7% en 2010, e até o 14,9% en 2011, coincidindo coa hipotética recuperación do PIB.

Solbes "non se resigna"

Após o Consello de Ministros, Pedro Solbes tamén apuntou que, aínda que as previsións do novo cadro macroeconómico "debuxan un panorama complicado para 2009", o goberno español "non se resigna". Neste sentido, sinalou que o executivo actuou con "rapidez, decisión e convicción" fronte á crise, cun "ambicioso" plan para a recuperación da economía que, unido ás rebaixas dos tipos e á moderación da inflación, "permitirá unha recuperación a finais de ano".


Ligazóns

4/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: