Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Proceso Boloña

Outra volta, nas rúas contra a "mercantilización do ensino"

Esta cuarta feira desenvolvéronse concentracións nas sete cidades, nun outro intento de visibilizar o rexeite do estudantado á entrada das universidades no sistema europeo.

A. Rodríguez (texto) / Isabel G. Couso (vídeo) - 10:00 05/03/2009
En Cataluña teñen moita forza os movementos estudiantís contra Boloña

En Cataluña teñen moita forza os movementos estudiantís contra Boloña

Boloña foi o nome que recibiu o proceso iniciado a partir da Declaración de Boloña, un acordo asinado polos ministros de Educación da UE nesta cidade italiana, no ano 1999. A idea era ir adaptando as universidades dos estados membros ao chamado Espazo Europeo de Educación Superior (EEES), un acordo que serviría de marco de referencia para facer unhas reformas educativas comúns.

Boloña non foi máis que unha declaración conxunta, asinada hai xa 10 anos, após a que se pretendía comezar un proceso de converxencia a nivel europeo, para, supostamente, realizar un efectivo intercambio de titulados, así como adaptar o "contido dos estudos universitarios ás demandas sociais" do continente.

Porén, non fixo máis que atopar detractores até debaixo das pedras. Sobre todo os estudantes, os máis afectados por un plan que, segundo din, só procura a mercantilización do ensino e a división clasista do estudantado. No Estado Español -onde todas as universidades deben ter os seus planes de estudos adaptados ao EEES en 2010- foron seguidos os actos de contestación á aplicación de Boloña, e tiveron enorme repercusión sobre todo en Cataluña. Porén, en Galiza tamén se desenvolveu un proceso de contestación a Boloña, que nos últimos meses, así se foron adaptando, aos poucos, as distintas facultades ao EEES, foi facéndose feble, xa que resulta máis complicado manter unido a todo o estudantado cando o proceso se vai dando aos poucos.

O sistema de conversión en graos
Con este sistema, as vellas carreiras convértense en graos, de catro cursos, con másteres e posgraos posteriores que duran de un a dous cursos. Na maior parte dos países da Unión Europea que finalizaron o proceso de entrada no EEES, os graos adoitan durar tres cursos, mantendo de dous a tres anos para os posgraos.

Un proceso que vén de longo
O chamado proceso de Boloña é, polo forma na que foi introducido, un tema polémico aínda na actualidade, mesmo cando as transformacións que recolle hai moito tempo que foron maduradas e decididas polos señores que ostentan o poder en Europa.

Os detractores deste proceso pensan que é preciso ir cara atrás na historia para coñecer como se foron xestando estas ideas. Primeiro cómpre lembrar as primeiras negociacións feitas polo Fondo Monetario Internacional (FMI), o Banco Mundial, o European Round Table (grupo industrial composto, entre outros, por Inditex, Telefónica, Renault, Deutsche Bank, Fiat, Volvo, Standard Oil, Shell ou Nestlé) e a Comisión Europea, con vistas a desenvolver o proxecto dun novo Ensino Superior Europeo. Como proba deste acordo apareceu, en 1989, o primeiro informe sobre educación, elaborado pola European Round Table, no que se asume que a educación e a formación son investimentos de interese vital para as empresas. Xa nesta altura o sector industrial lamentaba a súa pouca influencia nos sistemas educativos, e que a colectividade docente ignorase as súas necesidades e o contexto económico. Mais que un informe, este documento consensuado tiña unha serie de recomendacións e obxectivos que os gobernos deberían incorporar ás súas políticas.

Pouco máis tarde a OCDE (Organización para o Cooperación e o Desenvolvemento Económico) e a Comisión Europea, puxeron mans á obra, encargándose de espallar a "boa nova" entre os gobernos.

Ao mesmo tempo, os estados membros da UE xa tiñan posto en marcha o proxecto inicial da compatibilidade entre formacións homólogas adquiridas en países distintos, a través dun sistema de créditos universal -os créditos ECTS, que lle valerían aos estudantes para gozar de bolsas no exterior, como a Erasmus, e seguir formándose na carreira escollida no estranxeiro-. Nun comezo, o sistema dos ECTS non estaba ligado a este proxecto, podémoslle chamar "de mercantilización do ensino superior". Mais finalmente a CE, a OMC e o Banco Mundial acabaron por apropiarse deste proxecto, e así, en 1999, asinábase a súa planificación completa: o Tratado de Boloña, que tiña a ollada posta na "harmonización" do ensino superior europeo.

Contra a "mercantilización do ensino"
Os colectivos estudantís que se manifestan contra o proceso de Boloña coñecen a súa retórica, empregada para agochar, segundo din, uns obxectivos simples: facilitar a privatización do Ensino Superior, seguindo unha estratexia mercantilizadora dos servizos públicos -como hai xa tempo que acontece nos EUA-; favorecer as institucións e economías dos principais centros financeiros de Europa; elitizar o acceso aos máis elevados graos de ensino -a través da desigual distribución de coñecemento, entre os que poden pagar e os que non-, acentuando as xa de por si graves desigualdade sociais; crear traballadores e funcionarios máis baratos, aumentando a explotación e facendo que a adquisición de coñecemento sexa responsabilidade exclusiva da futura man de obra, e non un dereito de todos. Ademais disto, fálase do perigo de que vaian desaparecendo as carreiras que se vexan como "menos competitivas" a nivel de mercado, ou que se repitan demasiados graos nun mesmo sistema universitario.

Segundo os movementos de contestación a Boloña, este plan fai parte dun proceso moi grande, no que prima o Mercado Europeo, entendido, cada vez máis, como a submisión dos bens e servizos ao diñeiro e á acumulación de lucro. Non é preciso investigar moito para atopar este cambio de rumbo: a suba das taxas, a redución das bolsas, condicionamento no acceso á educación... Boloña fai parte deste proceso.

A favor: orientación cara o mercado laboral
Mais tamén hai profesores e alumnos que se manifestaron a favor do EEES, describindo os beneficios que lles aportaría ás universidades galegas. De feito, a nivel estatal existe a CREUP, Coordinadora de Representantes de Estudantes de 20 das 45 universidades públicas, mais as asembleas de estudantes dalgunhas universidades non lles dan lexitimidade aos seus integrantes, e mesmo acúsanos de non representar realmente os intereses dos alumnos. Porén, manexan varios argumentos a favor da adaptación das titulacións ao EEES, como que con este plan un estudante pode dedicar unhas 40 horas semanais a estudar, e non como agora, que se precisan, segundo os redactores de Boloña, unhas 60. Ao seren os graos eminentemente prácticos, organízanse as ensinanzas contando con que unha dedicación semanal de 40 horas chegue para aprobar, e para que, nas horas libres, os estudantes poidan traballar ou dedicarse a facer prácticas.

Alén disto, os colectivos favorábeis á aplicación do proceso de Boloña sinalan que o sistema grao/máster/doutorado xa funcionaba na maior parte dos sistemas educativos do mundo; e que a súa aplicación nas nosas universidades mellorará as saídas laborais dos estudantes, xa que os títulos recoñécense en todos os países asinantes do proceso, e os graos e posgraos recollen moitas horas prácticas, o que lle confire ao alumnado unha formación máis acorde co traballo que ha exercer.

A adaptación ao Espazo Europeo de Educación Superior en Galiza
No curso que vén (2009-2010) un total de 68 plans de estudos de títulos de grao deben estar adaptados ao EEES en Galiza.

Destes 24 foron presentados pola Universidade de Vigo (Estudos de galego e español; Linguas estranxeiras; Tradución e interpretación; Ciencia e tecnoloxía dos Alimentos; Administración e dirección de empresas; Ciencias da actividade física e do deporte; Economía; Educación primaria; Educación social; Traballo social; Turismo; Educación infantil; Enfermaría; Enxeñaría informática; Xeografía e historia; Dereito; Publicidade e relacións públicas; Dirección en xestión pública; Comunicación audiovisual; Fisioterapia; Bioloxía; Ciencias do Mar; Química e Relacións laborais e recursos humanos).

Outros 21 pola Universidade de Santiago (Administración e Dirección de Empresas; Bioloxía; Comunicación Audiovisual; Economía; Enfermaría; Enxeñaría Informática; Filoloxía Clásica; Filosofía; Física; Historia; Historia da Arte; Lingua e Literatura Españolas; Lingua e Literatura Galegas; Lingua e Literatura Inglesas; Linguas Modernas e as súas Literaturas; Óptica e Optometría; Psicoloxía; Química; Relacións Laborais e Recursos Humanos; Xeografía e Ordenación do Territorio; e Xornalismo).

E os 23 que fican presentounos a Universidade da Coruña (Administración e Dirección de Empresas; Bioloxía; Ciencias da Actividade Física e do Deporte; Comunicación Audiovisual; Dereito; Economía; Educación Infantil; Educación Primaria; Educación Social; Enfermaría; Enxeñaría da Edificación; Enxeñaría en Deseño Industrial e Desenvolvemento do Produto; Español: estudos lingüísticos e literarios; Fisioterapia; Galego-portugués: estudos lingüísticos e literarios; Humanidades; Información e Documentación; Inglés: estudos lingüísticos e literarios; Logopedia; Podoloxía; Química; Relacións Laborais e Recursos Humanos; e Turismo).

Mais xa neste curso as Universidades galegas imparten cinco títulos de grao adaptados ao EEES: Terapia Ocupacional e Socioloxía na Coruña; Ciencias Políticas e da Administración e Matemáticas en Santiago; e Belas Artes en Vigo.

E co novo Goberno, que vai acontecer coa adaptación ao Espazo Europeo de Educación Superior?
Vieiros falaba, en plena campaña electoral, con Pedro Puy, candidato número 6 pola Coruña polo PPdeG; Guillermo Meijón, candidato número 6 por Pontevedra do PSdeG e o responsábel do Gabinete de Estudos do BNG, Aleixo Vilas, para saber das iniciativas programáticas de cadansúa formación sobre o Sistema Universitario Galego. Nesta liña, ámbalas tres formación chegaban a un consenso en canto ao sistema de financiamento, mais discordaban completamente no referido a Boloña. Para consultar a información completa, clique aquí.


Ligazóns

5/5 (4 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Esta cuarta feira desenvolvéronse nas sete cidades galegas varias concentracións contra Boloña. Nas imaxes, a desenvolvida en Compostela

Mapa de países asinantes da Declaración de Boloña. Aparecen en vermello os países rexeitados.
Mapa de países asinantes da Declaración de Boloña. Aparecen en vermello os países rexeitados.