Son 68 propostas de plans de estudos de títulos de grao adaptados ao Espazo Europeo de Educación Superior (EEES) que se aplicarán xa o vindeiro curso.
Un total de 68 novas propostas de plans de estudos de títulos de grao adaptados ao Espazo Europeo de Educación Superior (EEES) comezan a súa tramitación para ser implantados o vindeiro curso no Sistema Universitario de Galiza (SUG).
Así llo comunicou esta segunda feira a conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, Laura Sánchez Piñón, ao Consello Galego de Universidades. Ao respecto, explicou que se autorizou o envío ao Consello de Universidades para a súa verificación un total de 23 propostas de títulos de graos por parte da Universidade da Coruña; 24 da Universidade de Vigo e outros 21 da Universidade de Santiago de Compostela.
23 corresponden á Universidade da Coruña, 21 á de Compostela, e 24 á de Vigo
En concreto, A Coruña remitiu os graos en Administración e Dirección de Empresas; Bioloxía; Ciencias da Actividade Física e do Deporte; Comunicación Audiovisual; Dereito; Economía; Educación Infantil; Educación Primaria; Educación Social; Enfermería; Enxeñaría da Edificación; Enxeñaría en Deseño Industrial e Desenvolvemento do Produto; Español: estudios lingüísticos e literarios; Fisioterapia; Galego-Portugués: estudos lingüísticos e literarios; Humanidades; Información e Documentación; Inglés: estudos lingüísticos e literarios; Logopedia; Podoloxía; Química; Relacións Laborais e Recursos Humanos; e Turismo.
Pola súa parte, a USC remitiu os plans de estudos de Administración e Dirección de Empresas; Bioloxía; Comunicación Audiovisual; Economía; Enfermería; Enxeñaría Informática; Filoloxía Clásica; Filosofía; Física; Historia; Historia da Arte; Lingua e Literatura Españolas; Lingua e Literatura Galegas; Lingua e Literatura Inglesas; Linguas Modernas e as súas Literaturas; Óptica e Optometría; Psicoloxía; Química; Relacións Laborais e Recursos Humanos; Xeografía e Ordenación do Territorio; e Xornalismo.
E a Universidade de Vigo enviou para a súa verificación Administración e Dirección de Empresas; Bioloxía; Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos; Ciencias da Actividade Física e do Deporte; Ciencias do Mar; Comunicación Audiovisual; Dereito; Dirección e Xestión Pública; Economía; Educación Social; Enfermería; Enxeñaría Informática; Estudos de Galego e Español; Fisioterapia; Linguas Estranxeiras; Publicidade e Relacións Públicas; Química; Relacións Laborais e Recursos Humanos; Traballo Social; Tradución e Interpretación; Turismo; Xeografía e Historia; Mestre de Educación Infantil; e Mestre de Educación Primaria.
Segundo Educación, neste curso 2008-2009 estanse a impartir nas universidades galegas un total de cinco títulos de grao adaptados ao Espazo Europeo de Educación Superior: Terapia Ocupacional e Socioloxía, na Coruña; Ciencias Políticas e da Administración e grao en Matemáticas en Compostela; e Belas Artes en Vigo.