Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Parte de traballo na Habana (VI)

Telegrafando a abundancia

O editor Paco Macías envíanos dende Cuba a sexta crónica sobre a Feira Internacional do Libro.

Redacción - 12:30 25/02/2009

A Feira vai acabando, é o sexto día que acudo a ela.
 
Hoxe comín con Félix e Paco, de Andalucía, e que levan vindo por aquí 20 anos. Resúltalles cultural e economicamente interesante a visita anual. Fálanme de como se organizan, que libros traen, que criterios seguen na selección de libros. Cóntanme como contactan coa xente que lles axuda no stand. Explícanme moitas cousas máis que útiles para continuar vindo a esta Feira.
 
Fun visitar a Delegación chilena. Recibíronme tres editoras, tres mozas moi agradecidas pola visita. Faláronme de Galicia, de todo o que oíran falar de nós. Preguntáronme sobre a miña opinión sobre a nosa presencia do ano pasado. E entregueilles catálogos de editoras galegas, e mesmo Boletíns de Dereitos que elaborou a AGE.
 
Volvo ao stand, alí está a esperarme Olina, de orixe portugués, que me conta que Eca de Queirós tamén viviu en Cuba, a onde veu como Cónsul a Camaguey.
 
Vén Basilia Papastamatiu, da revista La Letra del Escriba. E vén para falarme de Méndez Ferrín. Di que no sitio web www.cubalitararia.com escribiu un artigo sobre Ferrín aproveitando a edición cubana do sei Contra Maquieiro. Tráeme unha fotocopias deste artigo que eu leu atentamente. Di tamén que La Letra del Escriba lle dedicou bastante espacio a Méndez Ferrín. Tentarei conseguila. E eu penso que ás homenaxes recentes en Galicia podemos sumarlle esta. Seguro que ao autor lle agrada.
 
Dania móstrame un exemplar da novela La Gallega. Ela mesma lle fixo o limiar. A novela di Dania que non é de mérito, pero que no centro onde ela traballa hai moitísimo material relacionado cos galegos e arrombado nos máis diversos recunchos. Di que xa se asinaron convenios para a dixitalización dos fondos que tamén foron arrombados.
 
Ao final da Feira proxectamos un documental feito na pasada edición da Feira, realizado por alumnos do ISA e con diversa participación galega. O documental versa, máis ou menos, sobre a empatía galego cubana. Hai aplausos. E os alumnos cineastas falan do que acaban de ver.
 
É moito máis o que sucede cada día na Feira, son moitas as persoas que fan preguntas, propostas, suxestións; moita a xente que se alegra de volver a ver algo de Galicia. Pero a falta de tempo, as premuras e as condicións técnicas da Internet desta illa fan que sexamos case telegráficos.
 
Baixamos para a cidade e seguimos a matinar no que se pode facer para o seguinte ano.
 
E imos para a cama. Fóronse Anxos Sumai, Xosé Tomás e Paco Martín. Foron unha agradable compaña. Traballaron moito. Fixeron que nos sentísemos coma un colectivo, algo que ás veces se esquece nesta especie de delegacións.


3/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: