Dende Cuba, o editor Paco Macías envíanos as crónicas do seu periplo pola Feira Internacional do Libro. Eis a primeira delas.
Acabo de chegar á Habana. Escribo antes de ir á Feira Internacional do Libro (FIL). No autobús que me leva escóitase o gran Simón Díaz, o músico venezolano máis universal, e di na súa canción, e con ese acento tan peculiar que el ten, que o Mar das Antillas non é de ningún país, que deixen de discutir por ese "asuntito das millas", e non é de ninguén porque el llo regalou á súa muller, quizais o pasado día 14, que aquí chaman Día de la Amistad y el Amor. A xente ri. Outra cousa non hai por aquí, pero humor sobra.
Chego á FIL. É unha alegría ver que todo está organizado perfectamente, o espazo da FIL é asombroso, e os libros galego teñen un dos espazos máis sobranceiros. As persoas colaboradoras do espazo seguen a ser as mesmas que as do ano pasado, o que resalta a continuidade que a esta presenza galega lle queremos dar.
Alguén comenta que a exposición do ano pasado, cando Galicia foi a Cultura Invitada, foi a mellor da historia. Galicia foi convidada entre hai dous anos Arxentina e este ano Chile. E é verdade. E a un isto gústalle. E que cho digan.
A xente comeza a entrar no stand. O luns non é o mellor día, pois os luns son luns en todo o mundo, aínda así o stand case se enche de persoas. Anxela, Damaris e Saly sábense cómodas no stand, e as explicacións que dan e as axudas que ofrecen son sempre as axeitadas.
Un editor galego venme buscar para irmos solicitar unha entrevista co Ministro de Cultura, co fin de establecermos contactos comerciais entre os asociados da AGE (Asociación Galega de Editores) e o Ministerio de Cultura. Organizamos tamén outras ideas relacionadas co libro e a economía, e que negociaremos os próximos días.
Imos para alá, e mentres tanto falamos dos actos nos que estarán presentes os escritores que nos acompañaron, Paco Martín e Anxos Sumai, así como o investigador musical Ramom Pinheiro, o ilustrador Xosé Tomás e Xabier Cid, coordenador da revista Letras de Galicia.
E volvo pensando na inmensa simpatía que hai en Cuba cara a Galicia, que salta á mínima que abras a boca. E matino nas posiblidades enormes que os galegos temos nos próximos tempos, precisamente aproveitando esas dúas portas que quedaron abertas, a da historia e a do ano pasado.
E asómbrame saber das influencias recíprocas entre estes dous pobos. Acabo de saber, e en Cuba, que Os Trinta de Trives crearon a sonada Rumba dos Trinta tan famosa en medio Ourense precisamente despois dunha viaxe a Cuba. Sabe un de cousas así por casualidade, imaxina se quixésemos saber!