Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
PARTE DE TRABALLO NA HABANA (II)

O son do silencio

O editor Paco Macías envíanos dende Cuba a segunda crónica sobre a Feira Internacional do Libro

Redacción - 20:00 17/02/2009

No día de onte solicitamos a entrevista co Ministro, e agora toca esperar que nola dea. Parece doado, pois trasladou a súa mesa de traballo á propia feira. Agora mesmo, dez da mañá na Habana, imos á Casa das Américas tamén para o mesmo, ver a posiblidade de establecer relacións culturais e comerciais.

Onte presentaron, Anxos Sumai e Xavier Cid, a revista Libros de Galicia e unha antología de narradores contemporáneos. A sala Lezama Lima estaba chea. Polo diálogo establecido posteriormente soubemos que había varias persoas que non eran de Cuba, argentinos, mexicanos e chilenos. Na presentación teimouse na necesidade da internalización da cultura galega, do libo de Galicia. E fíxose con fría naturalidade pensando no futuro. E un cubano que falaba en galego dixo que a internalización ás veces servía para normalizar dentro. Palabras sabias.

Yarina fálanos da súa vida. Ela é enfermeira na zona de Santa Clara. Vén á feira a “axudar”. Vive co seu marido, médico, no consultorio. Entre os dous aténdeno. Moran na parte de arriba e atenden os pacentes na parte de abaixo. Di que ela cobra 10 dólares ao mes e o seu marido, o médico, 20. Pregúntolle cómo poden vivir así. Di que van tirando, e que como o marido é o médico pois a xente sempre os axuda. Di tamén que o seu marido está a pensar en ir para Angola uns dous anos, para gañar un diñeiro. Di que agora están un pouco mellor, que hai uns anos estaban tan mal que aos filetes chamábanlle os Xesuscrito, que todos falan del pero ninguén o viu.

O stand de Galicia hai veces que é un fervedoiro de propostas. Son moitos os proxectos que caen polo nos espazo da FIL. Algún hase de realizar, a maioría non. E axiña se percibe que Galicia comeza a ter uns asiduos visitantes, que agardan a nosa visita anual para mercar libros, falar, propoñer. María Teresa Melo, santiaguera xornalista do Cañonazo, é unha delas. Faloume do acerto de Galicia de volver este ano, falou de que moita xente o comentaba, que iamos no camiño certo. E aí coincidimos. Son moitas as caras que recoñezo. Apareceu Félix Riera, realizador dun documental sobre o bispo galego Pérez Serantes, natural de Tui. Seica este bispo foi un personaxe moi popular en Santiago de Cuba. Quedamos un día para velo. Aparece xente nova. Entre eles Arsenio, de Asturias, de Llanes, que vive por aquí medio ano. Fala castelán pero de cando en vez mete algunha frase en Galego. Ve nos andeis a Historia Universal de Paniceiros, e alégrase. Di que Xuan Bello é un gran escritor, tan bo como Xavier Docampo, que se decobre amigo del. Un asturiano e un galego admíranse en Cuba.

Imos cear a un restaurante desde o que se ve un inmenso Cristo nun outeiro. Na carta ao pan chámanlle “pan gallego”. E ao noso lado está o presidente do parlamento cubano, Calderón. O restaurante é moi normaliño. Chámase La Barca. Pode que por iso fose alí Calderón. Está a cear cunha parella brasileira. A el, polo coche que o vén buscar, descúbrolle un cargo no goberno de Lula. E alí estabamos nós, ao lado do mundo hispano e do lusofono. Deixámolos marchar, unha vez máis.

Pode que o silencio sexa o son do tempo que non pasa. Pode Pero a próxima vez romperémolo. Seremos valentes e dirémoslles que nós somos o único pobo do mundo que os podemos entender aos dous.


4,67/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: