Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Eleccións Galiza 2009

RSS de Eleccións Galiza 2009
O idioma nos programas

Política Lingüística: grandes expectativas, escasa ambición

Esta área había ser a ideal para escenificar o consenso e o diálogo co que había goberna o bipartito, mais finalmente estas promesas non se cumpriron. A normalización non se levou a todas as áreas de goberno, e as polémicas artificiais frearon algúns avances.

Antía Rodríguez - 10:00 25/02/2009
Unha das imaxes das campañas da SXPL nesta lexislatura

Unha das imaxes das campañas da SXPL nesta lexislatura

No acordo de goberno asinado en 2005, así chegaron ao poder PSdeG e BNG, ámbolos dous partidos amosaban a súa vontade de que o traballo na política lingüística fose o exemplo de consenso e interlocución que o bipartito quería estender en todas as áreas do Goberno, sinalando que habían desenvolver, neste eido, accións transversais e, en todo momento, suxeitas a diálogo.

Tamén se salientaba, como un dos obxectivos principais, o "avance na normalización da nosa lingua e máis a protección e revalorización da nosa cultura e do noso patrimonio, elementos básicos da nosa identidade como pobo". Nesta liña, destacábase que se habían "incrementar os recursos para os equipos de normalización lingüística, e apoiar economicamente a produción e difusión de materiais curriculares de ensino en galego, e de programas informáticos na nosa lingua". Tamén prometían a promoción dunha política de "recuperación de falantes da lingua do país e de extensión do seu uso normal en todos os ámbitos da sociedade"; ademais dun novo pulo ao "intercambio cultural cos países de lingua oficial portuguesa"; cartos e apoio aos medios de comunicación que empregasen a nosa lingua; e, sobre todo, o desenvolvemento do Plan Xeral de Normalización Lingüística (PXNL), que foi aprobado polo Parlamento en 2004, gobernando o PPdeG de Fraga.

Ao comezo da lexislatura, creábase a Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL), na que habían traballar, man a man, representantes de ámbolos dous partidos no poder, procurando este consenso do que falaban e a promoción das accións transversais que prometeran. Mais esta declaración de intencións quedou a medias: as liortas no seo da Secretaría Xeral foron continuas e o diálogo quedou apartado, obviándose por completo nas relacións que o Goberno debería manter coas asociacións e institucións relacionadas coa lingua, que lle habían servir, cando menos, para atopar os necesarios apoios sociais para a súa xestión.

"Os mesmos cartos con outros criterios no seu emprego, terían uns resultados ben distintos"
"Nalgúns eidos estamos mesmo a recuar". Esta frase resume a análise que facía, hai dúas semanas, o presidente da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL), Nel Vidal Barral, sobre as políticas lingüísticas desenvolvidas nesta lexislatura polo bipartito.

Nestes catro anos, e segundo revelou Vidal, producíronse algúns avances, pero aínda moi afastados do que se pretendía ao comezo destes catro anos. A estrutura da SXPL pouco mudou, non se crearon novos organismos técnicos de planificación, nin se contratou persoal especializado. Faltan tamén recursos, xa que foron poucos e mal investidos; os mesmos cartos con outros criterios no seu emprego, terían uns resultados ben distintos. E houbo, por último, unha ausencia total de diálogo dentro da propia administración, con outras administracións e co público. "Non houbo, en absoluto, participación social neste proceso normalizador", sinalaba, naquela altura Nel Vidal.

Pouca política pola lingua, e só un chisco de xeito transversal
Unha das eivas meirandes, segundo a CTNL, foi ter adiado a creación do Consorcio para a Planificación Lingüística, que se había constituír nestes catro anos, e había servir para poñer de acordo, no traballo en común, a todas as unidades de normalización do país, dependentes de moitas e moi diversas administracións. O Consorcio nunca se creou, e os socios de goberno turraron, máis dunha vez, uns contra os outros por causa da lingua, de tal xeito que se foron sucedendo as baixas e relevos nos departamentos dependentes de Política Lingüística. E, aínda que se levaron adiante accións transversais, estas atopáronse no camiño, con pequenas pedras postas dun e doutro lado. Neste sentido, cómpre lembrar a creación das Galescolas, ou, no eido lexislativo, o proxecto de Lei do Comercio, a Lei da Función Pública ou a Lei de Subvencións, que inclúen apartados dedicados á promoción do galego que, porén, na práctica non se desenvolveron ao cento por cento.

A polémica do Decreto do Galego: despois do consenso, a guerra lingüística
Neste eido, o que máis controversia creou foi o Decreto de fomento do uso do galego no ensino. O Consello da Xunta aprobábao na súa sesión do 28 de xuño de 2007, mais o PPdeG, que o apoiara até case o último momento, retiráballe, finalmente, o seu soporte. Por primeira vez, os populares rompían co Plan Xeral de Normalización Lingüística que o seu mesmo partido aprobara en 2004.

Cando se supuña que se chegaba, por primeira vez con completo consenso, a un acordo histórico sobre a lingua, o PPdeG botábase atrás, e retirábase, argumentando que o decreto significaba unha inmersión lingüística encuberta. Esta nova posición dos populares coincidía, no tempo, co crecente apoio económico e político que estaban a recibir grupos marxinais contra o galego, que até ese momento se mantiveran solapados e aos que apenas se lles dirixira atención mediática. Mais, de súpeto, esta situación mudou, e estes grupos foron conseguindo máis liñas, máis segundos e máis imaxes nos medios de comunicación, así como un maior apoio económico e político.

Unha das posicións máis belixerantes dos populares contra este decreto chegou da responsábel de Educación do PPdeG e ex conselleira da era Fraga, Manuela López Besteiro. Mais o gran punto de inflexión marcouse o pasado 8 de febreiro, cunha inédita manifestación que percorreu as rúas de Compostela, e na que se deixaron ver, mesmo á cabeza e portando algunhas faixas, políticos tan destacados coma o secretario de organización do PPdeG, Alfonso Rueda; a ex conselleira, ex alcaldesa e a segunda polas listas de Pontevedra, Corina Porro; o cabeza de lista pola Coruña, Carlos Negreira; e a ex ministra, Ana Pastor. Porén, non había traza do que se deu en chamar "sector da boina" do Partido Popular galego.

Aínda non comezada a campaña e a mal chamada "cuestión idiomática" tornábase o centro das discusións en todos os foros. Unha das persoas que apareceu, durante días, nas primeiras planas dos xornais foi Corina Porro, que segundo ela mesma contaba, veu de súpeto, como "perigaba a súa liberdade individual". A ex alcaldesa de Vigo prometeu que, de chegar ao poder, había derrogar este decreto. A popular viguesa comezou a precampaña erixíndose a si mesma abandeirada popular da política contra o galego, cousa estraña tendo en conta que foi ela mesma a que creou, no ano 2003, unha Concellaría de Asuntos Sociais en Vigo que dirixía o agora parlamentario Ignacio López-Chaves, cun departamento de normalización lingüística polo medio, no que unha técnica traballaba na promoción da nosa lingua na cidade. Porén, as polémicas artificiais -e fracasadas- arredor do Decreto do galego abriron unha campaña electoral na que a lingua ten un enorme protagonismo.

As propostas en materia de lingua para a vindeira lexislatura
Para analizar os espazos que os partidos políticos que concorren ás eleccións do vindeiro 1 de marzo lle dedican á política lingüística, é preciso, primeiro, ollar o programa enteiro -é de destacar que hai partidos que non recollen as accións de normalización da lingua nun só apartado, senón que aparecen por todo o programa, de xeito transversal, e hainos que comezan por abrir o programa con este tema-, ollar tamén o título que lle poñen, o apartado no que van incluídas estas accións e as páxinas que se lle dedican.

PSdeG: Bilingüismo con enfeites de plurilingüismo
Hai que lembrar que do PSdeG é a actual secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López, mais en todas as áreas do goberno bipartito se desenvolveron accións, máis ou menos afortunadas, de fomento do uso do galego, porque así se entendeu no momento de formar os diversos departamentos.

No seu programa, os socialistas galegos baséanse en darlle forza ao plurilingüismo nun apartado que titulan Política Lingüística, dentro dun outro meirande denominado A cultura: un dereito de todos e todas. A parte dedicada a política lingüística está situada entre os apartados de Universidade e Sanidade. Á lingua dedícanlle aínda non media páxina das 125 que ten o programa (0,2%). En cinco parágrafos falan da creación dun Plan Estratéxico de Política Lingüística -que delimite as prioridades de actuación nesta lexislatura-; e do Consello Social da Lingua Galega -que escoite e implique a sociedade no debate e na actuacións de política lingüística. Porén, aínda que si din que van "fomentar a colaboración estreita entre concellos nos que sexa máis necesaria a acción dinamizadora", non falan nin miga da creación do Consorcio.

A liña máis relevante das dedicadas á política lingüística é o plurilingüismo que aseguran van fomentar os socialistas galegos, de chegar ao poder. Neste sentido, sinalan que "o galego é o noso patrimonio singular, como o español é un patrimonio compartido", e din que "ás institucións e aos cidadáns de Galiza, correspóndelles a responsabilidade de garantir e estimular o seu coñecemento -de ámbalas dúas linguas- e uso a través dun modelo de educación plurilingüe e aberto". Tamén falan do traballo de fomento e promoción da diversidade lingüística existente en España e Europa.

BNG: "Esta foi unha lexislatura practicamente perdida" en materia de lingua
O programa do BNG, que é o único que fala de desenvolver accións transversais -pensan que a normalización debe ser un compromiso de todo o Goberno-, en todos os ámbitos e áreas da Xunta. O texto, que fala de traballar pola igualdade lingüística de galego e castelán a través do novo Estatuto que promove, e da creación do tan arelado Consorcio -rede territorial consorciada de servizos de normalización e medidas en todos os ámbitos e desde todas as áreas do goberno-, tamén lle dedica un apartado específico á lingua, con este mesmo título e encadrado, noutro meirande denominado Avanzando no ensino, a lingua e a cultura.

O apartado Lingua está localizado cara o medio do programa, entre Desenvolvemento Económico e Ordenación Territorial, e ocupa cinco páxinas das 120 que ten o documento enteiro en papel, un 2,4% do total. En liñas xerais, o programa do Bloque é amplo e inclúe unha análise da política lingüística desenvolvida na lexislatura que xa termina na que gaban as accións das consellerías nacionalistas en materia lingüística, e reprochan ao seu socio de goberno non pelexar por un verdadeiro cambio transformador ao manter unha "actitude pasiva, de inanición total e mesmo ás veces contraproducente" no seo da Secretaría Xeral de Política Lingüística. A seguir, expoñen a súa promesa de cumprir, á fin, "os obxectivos do PXNLG como paso inicial de normalización social da lingua" e vincular "todas as contratacións e axudas públicas" ao emprego da nosa lingua. Alén disto, é de destacar algúns puntos, como o "achegamento ao ámbito do galego-portugués" e ao galego exterior.

PPdeG: "Sempre defendeu, defende e defenderá", pero, se goberna, derroga
As liñas fundamentais do espazo que o PPdeG lle dedica á política lingüística baséanse en prometer a derrogación do Decreto de promoción do galego no ensino, darlle pulo ao bilingüismo e crear, para isto, unha oficina para a defensa dos dereitos lingüísticos de falantes de castelán e galego. O apartado, titulado Lingua, está incluído nun meirande denominado Lingua, cultura e patrimonio, metido dentro da parte de Autogoberno. A sección que nos ocupa está localizada na última parte, despois de Relacións Institucionais e Acción Exterior. É de destacar que lle dedican á lingua -ademais de facer algunha referencia pequena noutros apartados-, 10 páxinas das 320 que ten o programa, comezando por dicir que os populares galegos sempre "defenderon, defenden e defenderán o impulso e promoción da lingua galega como vínculo de unión entre todos os galegos nunha sociedade, a nosa, que demanda, moi maioritariamente, o uso pacífico, libre e sen confrontacións das nosas dúas linguas oficiais". Neste sentido, queren darlle peso ás teses que falan de que os problemas de "imposición dunha lingua" que tanto apareceron nos medios de comunicación nos últimos tempos como reais, son comúns a unha inmensa maioría dos galegos. Nesta liña vai a ampla introdución do comezo -con non poucas faltas de ortografía-, na que o PPdeG critica a política lingüística do bipartito, que "ao servizo dos intereses dunha minoría nacionalista pretende impoñer o monolingüismo, apostando pola substitución das políticas de fomento e de promoción, a favor de políticas de imposición e de sanción".

Alén disto, recoñecen que aínda hai camiño que andar na normalización da lingua, en ámbitos como a xustiza, a empresa, as novas tecnoloxías ou os medios de comunicación, pero sempre apostando polo que eles mesmos denominaron como "bilingüismo harmónico". As empresas, de feito, son o obxectivo dunha das liñas fundamentais do seu programa, na que prometen aplicar a exención fiscal prevista na Lei de normalización lingüística e no PXNLG.

EU: Preocupación por que se cumpra o decreto do galego no ensino
No programa de Esquerda Unida (EU) non hai un apartado dedicado especificamente á política lingüística, mais si algunhas pinceladas no apartado de Educación e Cultura que se refiren a un ensino comprometido coa nosa lingua, respectando, de xeito firme o decreto do galego.

FPG: Monolingüismo social e garantía dos dereitos dos galegofalantes
O programa da FPG ten un apartado específico, de dúas páxinas das 30 totais, dedicadas á Política Lingüística (un 6,7%), no que comezan sinalando que os anos de bipartito só trouxeron "o comezo dunha verdadeira, aínda que tímida, política lingüística no país". A seguir propoñen unha serie de actuacións que promoverían, de chegar ao poder, comezando pola elaboración e execución dun "plan integral de inmersión lingüística en todos os niveis do ensino obrigatorio", alén de garantir os dereitos lingüísticos dos galegofalantes, "en calquera ámbito da vida social e privada". Tamén falan da necesidade de promover a formación e reformular o traballo da Secretaría Xeral de Política Lingüística, achegarse á lusofonía, redeseñar a RAG e máis o ILG, desenvolver accións consensuadas cos galegofalantes do exterior, apoiar a introdución do galego nas novas tecnoloxías e crear "políticas encamiñadas a implicar a gran maioría da sociedade galega na transmisión do idioma". Un dos aspectos máis salientábeis, ademais dos xa formulados, é a "retirada de apoio a publicacións non escritas en galego maioritariamente e mais a propostas alleas á normalización".

Nós-UP: Reintegracionismo e retirarlle a condición de oficial ao castelán
A organización independentista concorre a estas eleccións cun pequeno programa de oito páxinas no que unha por completo está dedicada aos Dereitos Nacionais e Lingüísticos. Deste anaco do documento son de salientar as propostas de darlle plena autonomía ao galego, retirarlle a condición de oficial á lingua castelá en Galiza e traballar pola unidade lingüística galego-luso-brasileira e polo seu recoñecemento oficial.

Tega: bilingüismo "do de verdade"
No programa de Tega, unha páxina de 59 está dedicada á Lingua (1,7%) -dentro do apartado de Rexeneración Social-. Nela falan do dereito de usar e deber de coñecer as dúas linguas oficiais por parte de toda a cidadanía -"bilingüismo de verdade, lonxe de extremismos e posicións radicais"- e do cumprimento da Lei de normalización lingüística.

UpyD: polémicas "artificiais", artelladas por eles mesmos para tirarlles rédito
É de salientar que, para ser esta unha organización política que está en contra da promoción do galego, abondas páxinas lle dedica á lingua no seu programa (catro de 62, é dicir, o 6,5%). De todos é sabida a opinión dos membros deste partido sobre a normalización da nosa lingua, que plasman en só unha frase, coa que titulan o apartado: A lingua, un problema artificial. É de destacar que é o primeiro apartado do programa o dedicado á lingua, feito do que se pode deducir a importancia que lle dan á pelexa contra a normalización do galego, e como pretenden quitar rédito desta súa posición. O programa está escrito só en castelán, e baséase en proclamar a derrogación do decreto do galego, a Lei de Normalización e todos os artigos lingüísticos doutras leis, ademais de terminar con todos os equipos de normalización e dinamización lingüística do país e eliminar a necesidade de coñecemento do galego para acceder a postos de traballo nas administracións. Ademais disto, promulgan a introdución do castelán na CRTVG e en todas as institucións do noso país.

Este semana, ademais, a voceira deste partido, Rosa Díez (que, por certo, abriu a campaña en Galiza e non no País Vasco, de onde é natural, e onde tamén hai eleccións o 1 de marzo), sinalaba, ante os medios, que UpyD só apoiará o candidato que teña como "primeiro obxectivo" derrogar a Lei de Normalización Lingüística.


Ligazóns

4,6/5 (10 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Algunhas imaxes das campañas desenvolvidas pola SXPL, como 'E logo!' ou 'Os Encontros dos Axóuxeres'
Algunhas imaxes das campañas desenvolvidas pola SXPL, como 'E logo!' ou 'Os Encontros dos Axóuxeres'
No centro da imaxe, Marisol López, secretaria xeral de Política Lingüística
No centro da imaxe, Marisol López, secretaria xeral de Política Lingüística