Montana, Kansas e Maryland, entre outros, sopesan a posibilidade de a abolir para afrontaren os recortes orzamentarios; é dicir, para aforraren cartos.
Manifestación contra a pena de morte
Arredor dunha ducia de estados nos EUA -Montana, Kansas, New Mexico ou Maryland, entre outros- están a traballar na actualidade en proxectos de lei para aboliren a pena de morte, un 'castigo' que está a lastrar os seus orzamentos gravemente danados a consecuencia da crise económica, informa AFP.
En ocasións, a pena capital pode supoñer un gasto até 10 veces maior cá cadea perpetua. A complexidade e a duración dos procesos de alegacións e recursos, que con frecuencia durante todo ese tempo contan coa defensa de avogados do Estado, así como o mantemento e a supervisión especiais dunha cela no 'corredor da morte' encarecen moito o procedemento.
Segundo o Death Penalty Information Center (DPIC), o custe de executar en Kansas un prisioneiro é un 70% maior ca o manter na cadea. No primeiro caso, a factura alcanzaría 1,26 millóns de dólares (un millón de euros), mentres que roldaría os 740 mil dólares (máis de medio millón de euros) de o deixar encarcerado de por vida.
Conmutación pola perpetua
E -afirman os observadores- o estado de New Mexico, que executou unha persoa en 30 anos e ten a día de hoxe outras dúas no 'corredor da morte', podería aforrar até un millón de dólares. Este luns, Montana debateu unha proposta de abolición e conmutación por cadea perpetua sen posibilidade de liberdade condicional. Nebraska, New Hampshire estudan propostas similares, e Oklahoma e Utah, estabelecer límites.
A pena de morte segue a ser legal en 36 dos 50 estados dos EUA, aínda que en moitos non é efectiva na práctica. Ademais, dous terzos da poboación do país ampárana.