Clausuraranse as súas sedes e embargaranse as súas contas bancarias.
O xuíz da Audiencia Nacional Baltasar Garzón acordou a última hora do martes a suspensión por tres anos (prorrogábeis até cinco) de todas as actividades de Askatasuna e Demokrazia Hiru Milioi (D3M), as dúas formacións abertzales cuxas listas foron anuladas polos tribunais Supremo e Constitucional. Aínda coas listas anuladas, D3M seguía organizando actos de campaña e promovendo o voto nulo. Agora a formación deberá retirar a súa web, e tamén terá que facelo Askatasuna.
Garzón ordena clausurar os seus locais e suspende as súas actividades públicas e privadas, así como a "capacidade de participar como partido, organización ou grupo en calquera actividade", incluída a convocatoria de manifestacións ou concentracións. A decisión chega tres días despois de que o propio maxistrado prohibise unha manifestación en Bilbao contra a anulación das listas de D3M, que ao final derivou en graves incidentes na capital biscaíña. O xuíz central de Instrución 5 da Audiencia Nacional tamén ordena o embargo e bloqueo das contas de Askatasuna e D3M, como xa fixo en febreiro de 2008 cando paralizou toda capacidade de manobra de ANV e de EHAK, aos que tamén considerou "instrumentos" de ETA para que Batasuna regresase pola porta traseira ás institucións vascas.