Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
ELECCIÓNS EN EUSKADI

A esquerda abertzale presenta a súa aposta electoral

D3M (Demokrazia Hiru Milloi ou Democracia tres millóns) presentouse este sábado en Bilbao con algúns ex dirixentes de HB e ANV.

Redacción - 18:53 10/01/2009

Uns quince integrantes da agrupación 'Demokrazia Hiru Milloi' (D3M), que se declaran "abertzales e de esquerdas" pediron este sábado en Bilbao "milleiros e milleiros de sinaturas" que lles permitan estruturarse en plataforma electoral e concorrer aos vindeiros comicios do 1 de marzo. Entre os impulsores da iniciativa figuran os ex dirixentes de HB Julen Aginako ou Itziar Aizpurua, os representantes da ilegalizada ANV Unai Zurrano ou Ane Legorburu, ou a que fora voceira de AuB, Itziar Lopetegi.

A de D3M pecha catro meses de continuas hipóteses sobre cal podería ser a vía elixida pola esquerda abertzale para participar nas eleccións do 1 de marzo, unha vez que o Tribunal Supremo ilegalizou en setembro a EHAK e ANV. D3M non sería unha 'lista blanca', é dicir, non estaría formada por persoas non relacionadas con siglas ilegalizadas. "A cuestión é", din "se o Estado ten vontade. Se non quere que esteamos nas urnas, buscará calquera excusa, no último momento, para ilegalizarnos".

Na súa declaración de principios, D3M afirma que o reto electoral en Euskadi "non é Ibarretxe-López ou López-Ibarretxe" senón a necesidade dun "auténtico cambio", que temen os jeltzales. A súa intención é "acumular forzas e impulsar un espazo independentista e progresista como suxeito determinante do cambio político e social en Euskal Herria".

Demokrazia 3.000.000 (número de habitantes que viven en Euskadi, Navarra e Iparralde) presentará as súas listas o 26 de xaneiro.


4,56/5 (18 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: