Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Agnes Pareyio

"Ás mulleres en África non se lles permite tomar decisións sobre a súa sexualidade"

Agnes é unha activista masai que loita contra a mutilación xenital feminina e os matrimonios temperáns aos que se ven sometidas as nenas da súa comunidade.

Aida Sánchez - Canal Solidario - 19:00 07/02/2009

A Mutilación Xenital Feminina (MXF) é unha práctica que sufriron no mundo entre 100 e 140 millóns de mulleres, a maioría delas no continente africano. Cada ano, e malia as prohibicións da maioría dos gobernos, este número aumenta e, aínda que a prevalencia deste ritual diminuíu en moitos países, a idade na que se practica é cada vez menor.

O 6 de febreiro celebrouse o día pola abolición desta práctica, durante o cal Agnes Pareyio, de visita en Madrid, invitada por Mundo Cooperante, relatou para o Canal Solidario o seu traballo contra a MXF e os matrimonios temperáns aos que se ven sometidas as nenas e mozas da súa comunidade masai, ao sueste de Kenya.

O seu traballo xa lle valeu para que, no ano 2005, as Nacións Unidas a proclamasen muller do ano e hoxe segue loitando, a través do seu proxecto de intervención, Tasaru Ntomonok (Rescate da Muller).

Cal é a mensaxe que veu a lanzar?
A mensaxe que me gustaría transmitir durante a miña estancia é que as mulleres en África percorreron un longo camiño na loita polos seus dereitos. Neste sentido, gustaríame mencionar que a cultura africana aínda sitúa á muller en último lugar, e fana sentir como algo inferior na sociedade.  
Ás mulleres en África non se lles permite tomar decisións sobre a súa propia sexualidade; sobre dereitos de propiedade, ou sobre decisións directamente relacionadas coas oportunidades económicas. Teño a esperanza de que todos os que nos apoian e as persoas de boa fe se dean conta da necesidade de unir esforzos para dar o suficiente poder ás mulleres africanas na loita polos seus dereitos.

Cal foi o detonante que lle fixo dedicarse a loitar polos dereitos da muller?
Comecei a miña loita polos dereitos das mulleres despois de que eu persoalmente sufrise unha situación moi dolorosa que me intimidou como persoa, reduciume a nada, e posteriormente fíxome estar sometida ao sufrimento de prácticas culturais retrógradas en contra dos meus desexos. Desexaba que chegase o día en que puidese levantarme e berrar NON a esas prácticas culturais que podían someter a mozas e nenas á mesma dor pola que eu pasara.

Que podemos e debemos facer para pór fin á práctica concreta da mutilación xenital feminina?
Entre as comunidades que a practican, a Mutilación Xenital Feminina permanece como unha actividade cultural tan profundamente arraigada que a xente pensa que mantén a dignidade desa comunidade.

Tendo isto en conta, as estratexias postas en marcha teñen que ir encamiñadas a loitar contra este erro. Se o vemos desde unha perspectiva cultural, para loitar contra a MXF é necesaria unha estratexia común que evite confrontacións.

Iso inclúe, entre outros aspectos, darlle a coñecer á comunidade os perigos e efectos da Mutilación Xenital Feminina; traballar de xeito conxunto cos líderes de todos os sectores dentro de cada comunidade, logo de formarlles acerca dos efectos e perigos desta práctica; contratar a persoas de confianza que se encarguen de avisar cando as nenas estean en perigo de sufrir a Mutilación Xenital Feminina; apoiar ás nenas que foxen da MXF e os matrimonios temperáns cunha educación que poderá fortalecelas a través do coñecemento, ferramentas e actitudes, e axudaraas a loitar polos seus dereitos.

En que grao son a tradición, a educación ou a relixión as culpábeis de que se siga dando está práctica?
A tradición mantén a Mutilación Xenital Feminina como unha práctica cultural habitual, pero cando a educación se combina coa relixión pode ser utilizada como un instrumento poderoso que pode axudar na loita contra esta práctica.

Cales son as consecuencias da mutilación xenital para as mulleres?
Son innumerábeis. Entre as consecuencias inmediatas destacan o trauma, dor, sangrado excesivo que pode levar á morte, feridas infectadas, retención de ouriños, danos na uretra e o ano que poden derivar en fístula obstétrica e infeccións.

Entre as consecuencias a longo prazo están as infeccións constantes no tracto urinario, formación dunha cicatriz permanente, formación de Keloide, obstrución do fluxo menstrual, dor menstrual, relacións sexuais dolorosas, infertilidade e os partos prolongados que poden derivar na morte tanto da nai como do bebé.

Tamén hai complicacións psicolóxicas como a depresión e a ansiedade, e complicacións sexuais como frixidez e dor durante o acto sexual. Ademais, cando o clítoris e outras partes dos xenitais non existen, a capacidade da muller para a estimulación sexual e o pracer ven gravemente afectados.

E dos matrimonios temperáns?
Algunhas das consecuencias son as mortes e os abortos espontáneos debido á inmadureza do corpo das nenas para quedar embarazadas; ao seren forzadas, prodúcense moitas violacións; e ás nenas négaselles a oportunidade de ir ao colexio polo que se converte nunha ferramenta de opresión á muller.

Que países son os máis comprometidos nesta batalla?
Globalmente, a maioría dos países que ratificaron a Convención das Nacións Unidas sobre os Dereitos do Neno (UNCRC), e a incluíron na súa lexislación, deberían facer algo para loitar contra a Mutilación Xenital Feminina.

Kenya é un país que aceptou a Convención adoptando a acta número 8 de 2001, que entrou en vigor en xaneiro de 2002.

É vostede optimista con este tema? ve o final da Mutilación Xenital Feminina?
Confío en que un día teremos un mundo libre da Mutilación Xenital Feminina, pero isto só se poderá facer realidade logo de pór en práctica métodos, esforzos, estratexias, actitudes e políticas que se consoliden en contra da MXF.

Pódenos explicar brevemente o traballo de Tasaru Ntonomok? E os retos de futuro do centro?
Tasaru é unha organización comunitaria que achega coñecemento entre os membros da comunidade masai sobre os efectos e perigos da MXF. Tamén ten un fogar que se converte nun refuxio temporal para as nenas que foxen dos seus pais debido á MXF e os matrimonios temperáns forzosos.

Así mesmo, desde a nosa organización propomos ritos alternativos para as nenas que din non á Mutilación Xenital Feminina: trátase dun programa onde as nenas pasan por un adestramento sobre os seus dereitos na reprodución, e outros aspectos da sexualidade que son positivos para preparalas para a idade adulta.

A comunidade está pondo en marcha métodos silenciosos e clandestinos para a práctica da mutilación xenital feminina. Os líderes políticos están conservando a cultura como unha ferramenta para a súa supervivencia política. Que cambien a súa actitude convértese tamén nun desafío para nós.


Ligazóns

5/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: