'Tirant lo blanc', de Calixto Bieito, e o espectáculo de danza 'De cabeza', de Teresa Nieto dominan as nominacións aos galardóns das artes escénicas.
A obra Tirant lo blanc, dirixida por Calixto Bieito, con sete nominacións, e o espectáculo de danza De cabeza, de Teresa Nieto, con seis, acaparan as nominacións aos Premios Max das Artes Escénicas, que este ano celebrarán a súa XII edición. Séguenlles Argelino, servidor de dos amos, de Teatro de La Abadía e Animalario e Barroco, de Tomaz Pandur, que optan a cinco cada unha.
Na categoría de mellor autor teatral en galego, os candidatos son Cándido Pazó por E ti quen vés sendo?, Eduardo Alonso por Extrarradios (comedia das mulleres desamparadas) e Jose Luis Prieto Roca por O ridículo desamor dun home máis ou menos normal. E ti quen vés sendo? é unha comedia de Talía Teatro baseada no clásico O Anfitrión, de Plauto, sobre as peripecias dos deuses gregos Xúpiter e Mercurio, que se fan pasar por Anfitrión e Sosia na procura do amor de Alcmena. Extrarradios é unha obra de Teatro do Noroeste que fala do encontro casual entre dúas mulleres singulares. Finalmente, a obra de José Luís Prieto Roca, que obtivo xa dous premios Max, foi representada pola compañía 40 pasos.
Ademais, o ferrolán Javier Gutiérrez foi nomidado ao premio na categoría de mellor actor pola súa interpretación na obra Argelino servidor de dos amos. A gala de entrega desta edición celebraráse o luns 30 de marzo no Teatro Cuyás das Palmas de Gran Canaria e será retransmitida por TVE.