Eduardo Alonso, Ánxeles Cuña e os responsábeis de 'Emigrados' optan ao premio ao mellor autor en galego.
Calixto Bieito, de ascendencia galega, podería converterse este luns no gran triunfador do Premios Max de teatro. A súa adaptación da Plataforma de Houellebecq recibiu once nominacións: Mellor Espectáculo de Teatro, Mellor Adaptación de Obra Teatral, Mellor Director de Escena, Mellor Actor Protagonista, Mellor Composición Musical, Mellor Escenografía e Mellor Deseño de Iluminación, así como catro candidaturas máis a actores de elenco. A súa produción competirá, principalmente, con Bebé, Un enemigo del pueblo e Marat-Sade.
Polo que atinxe ao premio ao mellor autor teatral en galego, os candidatos son Eduardo Alonso, con Imperial: Café cantante, Vigo 1936; Ánxeles Cuña, con Margar no pazo do tempo; e Suso de Toro, Cándido Pazó, Anxos Sumai, Xosé Manuel Pazos e Sonia Torre, autores de Emigrados. Os candidatos teñen experiencia nos Max, sendo candidatos en varias ocasións. Por exemplo Eduardo Alonso foi finalista en 2005 por Ensaio e en 2006 por García. Máis sorte tiveron Cándido Pazo en 2002, cando obtivo o Max por Ñiki Ñake, e Suso de Toro en 2004, cando gañou con Círculo.